Alexandre Bóveda: da poesía á economía


Otítulo deste artigo traduce a música, non a letra, dun breve parágrafo dun maxistral retrato feito por don Ramón Otero Pedrayo nun dos seus libros máis conmoventes: O libro dos amigos (Bos Aires, 1953). Estas son as palabras do mestre: «Algús poemas de Rosalía teñen o seu inagardado comentario nos escritos de Bóveda. O economista confirma o sentimento xenial do poeta» (p. 82).

Porque hoxe é día de evocar a figura de Alexandre Bóveda, que foi fusilado na Caeira (Pontevedra) o 17 de agosto de 1936: fará o próximo luns 84 anos. Naquela data de agosto o ilustre e precoz economista acababa de cumprir 33 anos: nacera en Ourense, na Rúa da Barreira, n.º 16, o 4 de xuño de 1903. Recotroléome nestas puntualizacións para denunciar a mesquindade coa que un famoso erudito, nunha obra de 1951 (Diccionario biobibliográfico de escritores), oculta o lugar e a data de nacemento con este lacónico enunciado: «Natural de la provincia de Orense». Refírome a Antonio Couceiro Freijomil, que residiu na capital ourensá, antes e despois de 1936, bastantes anos. Ninguén, daquela, ignoraba, en Ourense, o berce de Bóveda; Couceiro Freijomil tampouco.

Polas mesmas datas do Diccionario, don Ramón Otero Pedrayo redactaba n'O libro dos amigos tres páxinas antolóxicas sobre o carácter, a profesión e as inquedanzas de Bóveda, en ocasións con moi poucas precisións pois o libro, aínda publicado na diáspora galega, podía ser examinado polos funcionarios franquistas con consecuencias negativas para o autor. Aínda así, hai parágrafos coma este: «El Señor non quixo que a súa voce chegara ós rexistros da velleza en que os netiños traspostos maxinan con ademiración cales deberon ser os ecos bariles da mocidade do abó». Desde unha concepción cristiá da transvida, don Ramón pon o acento na traxedia protagonizada por un home que, pese a que o morreron moi novo, fixo cousas moi valiosas. Habería que facer unha edición artística deste capítulo de tres páxinas d'O libro dos amigos, sobre todo se alguén atopa, na Coruña (Fundación L. Seoane) ou en Bos Aires (Centro Galego), o orixinal (manuscrito?) deste maxistral devocionario, transcrito con bastantes deficiencias na edición arxentina. Esa edición debería ofrecer en Apéndice o primeiro poema que suscitou a morte de Bóveda, texto de Luís Seoane publicado no exilio exterior, en Bos Aires, a fins de 1936. Nesa elexía, «A Alejandro Bóveda4fusilado», o poeta compón versos moi concordes co espírito do retrato en prosa que trazou Otero Pedrayo algúns anos despois: «Campesinos, marineros, esclavos, / han asesinado la esperanza de vuestra liberación. / Él era el virtuoso, el entregado, / el dirigente, el organizador, / él era el cálido manejador de números, / el que daba la conciencia económica de vuestra opresión».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Alexandre Bóveda: da poesía á economía