Richi Casás e Xico de Carinho abren a nova colección editorial Zeca

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

aCentral Folque presentou onte os libros e cedé na Selic

14 oct 2020 . Actualizado a las 12:35 h.

Zeca é a nova liña editorial posta en marcha desde a Central Folque para mergullarse no patrimonio musical galego cun formato de libro e cedé, ambos con entidade propia. Richi Casás, con Fuliada na Vila, e Xico de Carinho, con Na harmónica, son os primeiros autores protagonistas desta colección presentada onte na Semana do Libro de Compostela (Selic).

«O interesante desta colección é que se trata de creadores galegos da actualidade que están traballando na súa obra con total liberdade, con calquera estética musical, pero co coñecemento e valéndose do patrimonio musical propio. Ademais, á súa vez, son accións con valores, non é entertainment», explica o editor, Ramón Pinheiro. Precisamente, por eses valores engadidos, a marca da colección toma o nome de Zeca Afonso.

Os libros e os cedés da colección teñen entidade individual e «isto non é o habitual», afirma Pinheiro, engadindo que os dous textos literarios son produto dun traballo creativo. No caso de Fuliada na vila, recolle un relato do propio autor na procura da música da súa avoa. «El viviu un proceso de busca para dar forma a este traballo e reflexiona sobre por que un músico erudito non sabía nada da memoria musical da súa familia e a coñece a estas alturas e case de casualidade», sinala o editor. A proposta de Xico de Carinho é moi diferente. Este músico, que compartiu escenario con Zeca Afonso, publica o seu primeiro traballo discográfico acompañado dun libro «completamente colectivo, con moitos escritores, artistas plásticos, fotografías, entrevistas...». Así, recolle un texto literario por cada unha dos 14 temas, que inclúe composicións propias e outros clásicos do repertorio galego, portugués, brasileiro e caboverdiano.