Anatomía da retranca

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Nas xornadas abordouse o humor de Castelao
Nas xornadas abordouse o humor de Castelao O. Aldegunde

Publícanse as intervencións das xornadas dedicadas ao humor na literatura galega de tradición oral

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A última edición das xornadas de literatura de tradición oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estivo dedicada ao humor. A entidade vén de publicar, tanto en libro como en cedé, as intervencións daquelas sesións, tanto as que estiveron a cargo de relatores como Suso Lista, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Xosé Lois González O Carrabouxo e Lois Pérez, coordinador da actividade xunto con Antonio Reigosa, como a participación dos asistentes.

Humor salgado titúlase a achega de Suso Lista, quen abordou a cuestión dende a perspectiva mariñeira na Costa da Morte, sen esquecer as mencións a clásicos como Castelao e Ben-Cho-Shey, entre outros. Pola súa banda, Quico Cadaval participou con A ágora da taberna, un mundo masculinizado agás polas taberneiras, o que lle dá pé a citar algunhas que aparecen en obras de Valle-Inclán e Blanco Amor. Tanto Lista como Cadaval participaron tamén na mesa redonda titulada O segredo do humor.

Paula Carballeira tratou dalgúns mecanismos do humor nos contos tradicionais, na intervención Rir do mundo, comezando por nós. A autora citou a Chesterton, quen concibía o humor como o mellor antídoto contra o orgullo, e a Celestino Fernández de la Vega, para incluír ademais as súas propias experiencias e a análise de diverso contos. Tamén de lingua e humor falou O Carrabouxo, quen combinou citas de obras de Umberto Eco, o sorriso do profeta Daniel do pórtico da Gloria e versións humorísticas de cancións serias, así como a relación entre humor e identidade social. Xunto con Carballeira, tomou parte da mesa redonda Anatomía da retranca, onde, entre outros moitos temas, se volveu a falar de Castelao. O volume péchase coa sesión práctica a cargo de Lois Pérez titulada Contaba morrer.