Unha constelación de iniciativas celebra a Xela Arias e as Letras Galegas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

XOAN A. SOLER

Exposicións, libros e vídeos, entre outros, festexan a obra da escritora

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de medio cento de documentos conforman a exposición coa que a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, conmemora o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias. O percorrido arranca co relato Xeliña fala galego que o seu pai, Valentín Arias, escribiu para o programa de festas de San Xoán de Sarria de 1968, e co conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia, publicado en La Voz de Galicia o 3 de febreiro de 1974 e co que gañara un premio literario. Despois, o percorrido expositivo mergúllase na súa chegada a Vigo e nos seus primeiros versos publicados. Tamén se inclúen os seus libros de poemas. Non se esquece tampouco a mostra das outras facianas da autora, reflectindo o seu traballo de editora en Xerais, así como a faceta de tradutora -co libro Amor de perdición, de Castelo Branco, polo que recibiu o premio de tradución da Sociedade da Lingua Portuguesa-. A exposición conclúe resaltando o compromiso social que sempre mantivo Arias, así como coa súa achega a outras artes, como a música. A exposición poderá visitarse ata finais de agosto e conta tamén con paneis ilustrados por Rebeca Varela.

Música

 A poesía de Xela Arias tamén foi obxecto de adaptacións musicais. Unha delas é a que propoñen a compositora e cantante Noelia Solleiro e o guitarrista Ángel Paz, que converteron en canción uns versos de Tigres coma cabalos, en concreto, o poema titulado Perder pé. A peza conta ademais cun vídeo que foi gravado na Casa das Campás de Pontevedra, con realización e edición a cargo de Pablo Lubiáns. É unha nova colaboración de ambos, que xa teñen unha longa traxectoria en solitario como artistas.

Biografía

A capela de San Roque en Sada acolle este sábado (12.00 horas) a presentación dunha das biografías que se publicaron recentemente sobre a escritora homenaxeada no Día das Letras. Trátase de Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia), de Montse Pena Presas. Acompañando a autora estará a tamén escritora Rosalía Fernández Rial.

Creacións téxtiles

A sala de cine e librería Numax, de Santiago, está a desenvolver o ciclo Intemperiadas, co comisariado de Charo Lopes e o apoio da Deputación da Coruña. A iniciativa convida a creadoras a dialogar dende a súa disciplina artística coa obra de Xela Arias. Hoxe celébrase a segunda sesión (12.00 horas) coa participación da creadora téxtil Io Morales, que presentará o proxecto malus sylvestris. Está inspirada na infancia rural da escritora para tecer unha prenda a partir desa experiencia nunha contorna natural. Pon en valor as técnicas do tricó e o bordado. Ás 13.30 horas, Morales conversará coa comisaria sobre o seu traballo (cómpre inscribirse en comunicacion@numax.org).

Vídeo

Afundación súmase á celebración do Día das Letras cun vídeo que estreará en Afundación TV o vindeiro luns día 17. Trátase de Xela Arias. Do A ao Z, dirixido por Aser Álvarez. Nesta peza audiovisual diferentes mulleres profesionais da literatura galega que compartiron encontros con Xela Arias abordarán a súa traxectoria vital e profesional. Entre elas, Rosa Aneiros, Montse Pena, Chus Nogueira, Marga Romero e Marilar Aleixandre. O vídeo conta tamén coa participación de Darío Gil Arias, fillo da poeta. Ademais, Afundación TV emitiu pezas curtas con lecturas de fragmentos da súa obra.

Cine

O Galician Film Forum celebra o Día das Letras Galegas coa estrea no Reino Unido da última película de Margarita Ledo. Entre este sábado e o vindeiro día 23 Nación estará dispoñible na plataforma Vimeo on Demand no país británcio. Ademais, o mércores 19 ás 19.00 horas (hora británica) está previsto un coloquio coa directora.

 A directora.  Margarita Ledo (á dereita) fala con dúas das traballadoras durante a rodaxe, Nieves e Lela.
A directora. Margarita Ledo (á dereita) fala con dúas das traballadoras durante a rodaxe, Nieves e Lela.

Trens e estacións

Renfe e a Xunta revalidan un ano máis a súa colaboración co gallo das Letras Galegas e a imaxe de Xela Arias viaxa nos once trens de alta velocidade dos servizos Avant e Media Distancia. Tamén loce nos carteis conmemorativos, elaborados polo IES de Ames, nos espazos de información nas principais estacións galegas. Ademais, o luns soltaranse 500 libros en cinco estacións.

Espazos comerciais

A cadea Gadis editou este ano o libro 15 voces da Nova Poesía Galega, do que hoxe se regalarán 30.000 exemplares e outros tantos marcapáxinas coa figura de Xela Arias. Ademais, distribuirá 60.000 bolsas de papel reciclado cuns versos impresos de Xela Arias. Pola súa banda, Vegalsa-Eroski tamén celebra á escritora con 20.000 bosas de papel e 1,3 millóns de plástico biodegradable, ademais da lámina Poeta, coa que o CEIP de Porto Cabeiro de Redondela gañou un certame arredor das Letras.

O bosque da lingua

Alumnos de primaria do CEIP Ría de Vigo, the Wild Fest e a comunidade de montes San Miguel de Oia plantaron doce carballos, un por cada aula do centro, para crear o Bosque da Lingua: Xela Arias.