Julia Lago gaña o premio Castelao cun cómic que recrea a infancia da súa avoa nun internado franquista

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A debuxante Julia Lago e un detalle da obra coa que gañou o premio Castelao
A debuxante Julia Lago e un detalle da obra coa que gañou o premio Castelao

«Nós Seis» relata a historia dunha rapaza demasiado rebelde para a época, os anos 50, que entra nun colexio de Valladolid para converterse nunha «moza de proveito»

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A 16.ª edición do Premio Castelao de banda deseñada distinguiu a obra Nós Seis, da artista coruñesa Julia Lago (1994). O concurso convocado pola Deputación da Coruña recoñece así a que será a primeira obra individual da autora e que narra a historia de represión dunha nena ferrolá nun internado no franquismo -e que recrea a da súa propia avoa, que hoxe ten 89 anos-. O xurado tomou a súa decisión por unanimidade. O fallo estima que o traballo «ten un tratamento maduro, unha composición fluída e ben secuenciada a través dun debuxo de síntese moi efectivo». Destaca tamén o tema elixido polo xeito en que aborda a situación da muller: «É unha reflexión sobre a represión durante a ditadura que supón un exercicio moi necesario de memoria histórica, baseado nunha historia real».

Na obra, Lago relata a historia dunha nena que, demasiado rebelde para a época, os 50, entra nun internado de Valladolid para continuar os seus estudos e converterse nunha «moza de proveito». O título fai referencia ao nome que as monxas lle atribuían ao seu grupo de amigas, que tiñan libros, cadernos e pupitres decorados coas iniciais NS. Estas iniciais, convertidas no seu selo, ocultaban en realidade unha sublevación secreta que facía referencia ao Non Serviam de Lucifer.

A sublevación era a vía de escape dun grupo de seis nenas que, retraídas do mundo real e dunha infancia normal nun internado católico da posguerra, exploran calquera vía para eludir o réxime de rixidez alienante e opresiva que rexía a vida no convento. Ao longo da historia relátanse diferentes escenas onde se pode observar como se pretendía desde a Igrexa católica que fose a vida das mulleres naquel momento. «Nun breve período de tempo cambiou tanto o contexto que me parece importante tomar conciencia do valor do traballo de persoas como Mercedes, que non se dobregaron baixo normas opresivas e misóxinas», subliña a autora sobre o obxectivo co que creou a súa obra.