Sarabela revisita o mito artúrico dando o protagonismo a Morgana

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Morgana en Esmelle
Morgana en Esmelle Miguel Villar

A compañía estreará mañá a adaptación da novela de Begoña Caamaño

16 sep 2021 . Actualizado a las 14:35 h.

Os mitos non son outra cousa que iso, mitos, e como tal están expostos e aturan calquera revisión, cuestionamento e mesmo actualización. E ata lle cae ben que os miren cunha ollada actual, contemporánea e comprometida coa realidade do século XXI. A escritora e xornalista Begoña Caamaño asinaba no ano 2012 -dous antes da súa morte- unha novela que foi obxecto de recoñecemento unánime por parte de crítica e dos lectores e que foi valorada na súa xusta medida con premios como o Ánxel Casal, o Losada Diéguez, Nacional da Crítica e o da Asociación Galega de Escritores. Naquel acontecemento que foi Morgana en Esmelle, Caamaño pousaba a ollada sobre os mitos de Britania, Xenebra, Merlín, Morgana, Viviana, Arturo, etcétera, e facíao dende un punto de vista diferente, dándolle voz e protagonismo ás mulleres para rescribir o mito.

Agora, coincidirá no tempo cos dez anos de publicación da obra, a compañía Sarabela Teatro adapta o texto de Begoña Caamaño e estreará este venres, día 17, a súa montaxe «Morgana en Esmelle». Será no Auditorio de Ourense, ás 21.00 horas -haberá outras dúas representacións: sábado 18 ás 21.00 horas e domingo 19, ás 20.00 horas-.

A nova montaxe de Sarabela Teatro está dirixida por Ánxeles Cuña e conta cun reparto formado por Quico Cadaval (Merlín), Fina Calleja (Xenebra), Fernando Dacosta (Filipe Garlois, Uther, Artur), Sabela Gago (Igraine), Laura Míguez (Morgana) e Elena Seijo (Viviana).

 O tesouro de Caamaño

Na presentación de Morgana en Esmelle Ánxeles Cuña referiuse ao desexo de Sarabela de conversar con Begoña Caamaño e «recoller un anaco dese tesouro que é a súa novela par darlle unha visión desde o punto de vista escénico e contemporáneo a esta revisión do mito na que as protagonistas son as mulleres e na que elas teñen moito que dicir».

Fronte á tradición e o mito non son Merlín ou Xenebra -a que representa ao mundo occidental e á relixión católica- os protagonistas senón que a voz principal é a de Morgana -a representante do mundo pagano que foi marxinada pola historia-. Unha revisión que tenta, entre outras cousas, «incidir na necesidade de construir unha sociedade máis igualitaria».

Segundo se sinalou na presentación do novo traballo de Sarabela Teatro a montaxe que se estreará este vernes, día 17, é «unha obra que reescribe o mito cunha ollada contemporánea. Unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións? Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Morgana, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade».

O Merlín de Cadaval e o regreso de Ánxeles Cuña

Morgana en Esmelle é a montaxe coa que materiliza Ánxeles Cuña o seu regreso á dirección e ao proxecto que hai máis de 40 anos puxo en marcha cos seus compañeiros de Sarabela Teatro. Unha traxectoria que hai uns días se vía recoñecida polos premios conseguidos nos María Casares pola montaxe A lingua das bolboretas. Regresa Ánxeles Cuña logo de catro anos de afastamento voluntario -os que coincidiron co seu traballo como deputada no Parlamento- e faino por partida dobre, xa que o vindeiro 20 de outubro a compañía estreará unha montaxe sobre Nós. Unha realidade, a da xeración e o boletín do mesmo nome, á que está vencellada estreitamente por herdanza familiar: Alexandre Bóveda -ese é o segundo apelido da directora e dramaturga- era o irmán da súa avoa.

En Morgana en Esmelle a compañía contará cun convidado de excepción. Quico Cadaval será un Merlín «manipulador e incapaz de ver a verdade que ten diante dos ollos». Ten para si que o escolleron para o papel «por argallante».