Consello da Cultura e Fundación Penzol dixitalizarán as cartas de Otero Pedrayo

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

.

Entre os máis dos 6.500 orixinais do fondo hai misivas de Castelao e Risco

30 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O patriarca das letras galegas foi prolífico en case que todos os aspectos e saberes nos que se desenvolveu. E dun xeito especial coidou, e moito, o xénero epistolar. Por todo o país andan repartidos milleiros de cartas de Ramón Otero Pedrayo, que contestaba ás recibidas e mandaba apuntes, consultas, felicitacións, consellos, propostas, correccións ou textos vencellados a calquera outro asunto de forma constante e diaria.

Agora a faceta epistolar de Ramón Otero Pedrayo pasará a ser máis coñecida polos investigadores, e o público en xeral, logo do acordo ao que chegaron o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol. En base ao protocolo de colaboración ratificado por Rosario Álvarez e Manuel Puga —presidentes do Consello e a Penzol respectivamente— serán dixitalizadas «máis de 6.500 cartas escritas por diferentes interlocutores e dirixidas a Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976)», un material que se considera fundamental para entender a traxectoria persoal e intelectual do escritor de Trasalba.

 Proxecto Epístola

Segundo se adiantou por parte das entidades asinantes, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell e Ramón Otero Pedrayo son os principais destinatarios de todo o arquivo persoal que se garda na Penzol. Na documentación hai cartas, telegramas, tarxetas postais e borradores que estaban «en preto de tres mil expedientes diferentes sen ordenar cronoloxicamente e que dan conta da longa vida de Otero». O proxecto contempla a dixitalización, etiquetaxe e posterior difusión a través dos sitios webs de ambas entidades, o que permitirá que a cidadanía coñeza de primeira man as cartas que o patriarca das letras galegas recibía en Trasalba e que pasaron á Fundación Penzol á súa morte.

Entre os materiais figuran cartas como a remitida por Castelao ao seu «verdadeiro irmán» desde Badajoz ou a de Vicente Risco na que lle da conta de que Ánxel Casal mercara unha imprenta para encetar o seu proxecto empresarial como editor. O traballo a desenvolver forma parte do proxecto Epístola, unha iniciativa do Consello que busca achegar á cidadanía a correspondencia de figuras senlleiras da cultura galega. No marco desta iniciativa puxéronse en rede unha importante colección de arquivos persoais. Arrincou o proxecto co de Luís Seoane e foron engadíndose logo os de Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Carballo Calero, Antón Fraguas, Rosalía de Castro e Rosalía de Castro.