O escritor Domingo Villar continúa en estado crítico tras sufrir un ictus

Begoña Rodríguez Sotelino
b. r. sotelino VIGO / LA VOZ

CULTURA

Domingo Villar, fotografado en Compostela en setembro do 2021.
Domingo Villar, fotografado en Compostela en setembro do 2021. Sandra Alonso

O autor supervendas vigués pelexa pola vida na uci do hospital Cunqueiro

17 may 2022 . Actualizado a las 23:53 h.

As Letras Galegas levan horas chorando. O estado do escritor vigués Domingo Villar, ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro na madrugada do luns tras sufrir un ictus no seu domicilio familiar en Vigo, segue sendo extremadamente preocupante. O famoso novelista continúa en coma, ingresado na uci, en estado crítico e prognóstico moi grave.

Ao coñecerse a situación do autor supervendas da literatura negra en galego, unha avalancha de mensaxes nas redes sociais de persoeiros do mundo da cultura, as letras e as artes, dan conta do cariño que se lle ten ao autor de Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, as tres obras máis coñecidas do vigués que inventou a Leo Caldas, e cuxas pesquisas para despexar crimes se len en medio mundo en varios idiomas, aínda que todos foron escritos por el en galego, e adoita a ser el mesmo o que fai as traducións ao castelán.

En modo presencial tamén. Este martes mesmo, na xornada festiva das Letras Galegas en Vigo, o alcalde da cidade, Abel Caballero, lembraba a Villar saíndose do guión no discurso do acto oficial, enviando «un abrazo moi forte a Domingo e a toda a súa familia neste intre tan difícil dramático en nome de toda a cidade». O rexedor recordou que o narrador tiña levado o nome de Vigo nas súas novelas e revelou que na última conversación que tivo con el, Villar faloulle de 20.000 leguas de viaxe submarina de Verne, dándolle «unha brillante idea para a cidade», recoñeceu Caballero, que expresou «un forte desexo de que el supere este momento tan dramático e siga connosco».

Mincho Villar, que reside habitualmente en Madrid coa súa dona e os seus tres fillos, atopábase en Vigo casualmente para estar preto da súa nai, Rita Vázquez Ulloa, afectada de varios problemas de saúde. O vigués de 51 anos de idade estaba traballando noutra entrega co inspector Caldas de novo como condutor das súas historias. Na Taberna Elixio, favorita do detective e do seu pai literario, colgaban este martes esta mensaxe: «La mesa de Leo Caldas siempre está disponible para ti. ¡Lucha!».