A escrita teatral galega reivindica a tradición oral e o público infantil

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

CONCHI PAZ

Fernando Castro, Ana Carreira, José Luis Baños e Eva Mejuto gañan os premios Álvaro Cunqueiro. Manuel María e Barriga Verde de literatura dramática, que nesta convocatoria recibiron máis de 80 obras dramáticas orixinais

30 nov 2022 . Actualizado a las 15:54 h.

Dende o escenario do Salón Teatro, Fernando Castro mira a Ariadna e Candela, dúas alumnas da aula de teatro do IES Fernando Blanco de Cee, que sorrín dende a platea. «Alí foi onde comezou todo. Sen ese grupo probablemente nunca tería escrito unha palabra de teatro na miña vida». Pero a faísca prendeu, e o monólogo O traxe vén de gañar a vixésimo sexta edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola «calidade da escrita, unha textualidade contemporánea, excelentemente estruturada e dotada dun interesante ritmo, así como dun inquietante humor negro», segundo o fallo do xurado.

Abofé que prendeu, porque Castro Paredes suma o Álvaro Cunqueiro a anteriores galardóns (o Varela Buxán, o Roberto Vidal Bolaño, o Rafael Dieste e o Nova Dramaturxia Galega Actual, por exemplo) e a publicación deste texto a unha lista que xa inclúe os títulos A derradeira bala, Papiroflexia, Pallaso, Amorodo agre e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega.

O traxe é unha das máis de 80 obras orixinais que se presentaron este ano aos premios de literatura dramática que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que serven como estímulo para un xénero que non ten o predicamento doutros da literatura galega, pero que si conta con importante potencial creativo, explicaba o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. 

Dese potencial creativo e do diálogo aberto ao mundo deron conta os textos gañadores desta convocatoria. Ana Carreira, que obtivo o premio Manuel María de literatura dramática infantil por Nin me amoles, reivindicou, a través da voz de Melania Cruz (que recolleu o premio no seu nome) que se trate «na vida e nas artes como persoas completas e complexas» ao público infantil.

Carreira é actriz, narradora oral e pedagoga, así como confundadora de Ubú Teatro, membro da compañía Pínconús e gañadora no ano 2014 do Varela Buxán pola peza Un intre antes do solpor.

O xurado salientou da historia de Lola que a protagonista se afasta do rol feminino clásico combinando habilmente inxenuidade e complexidade psicolóxica. A calidade dramática e literaria da peza é quen de crear un «universo peculiar no que se tratan temas claves para a infancia na sociedade contemporánea».

Tamén a distopía Nas nubes, que lle mereceu a José Luis Baños de Cos o Barriga Verde na modalidade de teatro para adultos, trata temas claves da sociedade actual, como a obsolescencia programada ou dixitalización da conducta humana. O texto dramático propón unha situación futurista na que dous guías dun museo lle amosan a un público erudito obxectos da era predixital, todo cunha ambientación musical e estética inspirada na cultura xaponesa.

Baños de Cos, que compaxina a docencia teatral coa súa actividade como dramaturgo, foi xa galardoado con premios como o Jenaro Marinhas del Valle, o Abrente da MIT de Ribadavia, o Roberto Vidal Bolaño, o Varela Buxán ou o de textos teatrais para público infantil da Escola Navarra deTeatro. Entre as súas obras representadas, atópanse O faiado por Teatro Ó Cubo, A espera por Titereficcións e Suit(e) Up por Fanfarra Teatro.

Na modalidade de teatro para rapazada do Barriga Verde o premio recaeu n'Os contos de Lobicán, de Eva Mejuto, que reivindicou a importancia da tradición oral da que bebe esta peza, que mestura teatro e poesía, se cadra os dous xéneros con menos visibilidade da literatura infantil e xuvenil.

«Teño perfectamente definida na miña memoria sensorial o acubillo das sabas á caloriña dos contos» do seu pai, que foi o creador do Lobicán, e tamén da súa nai, que foi quen lle inculcou o gusto pola lectura. 

A traxectoria literaria de Eva Mejuto suma agora o Barriga Verde por unha historia, contada en verso, do que o xurado salientou tamén a súa concepción plástica, que reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de poñer solucións relacionadas con tendencias escénicas máis actuais.