Laura Pérez Landeira, «in memoriam»

CULTURA

Laura Pérez Landeira, nunha función da obra de Valle-Inclán «Ligazón» polo Teatro Estudio.
Laura Pérez Landeira, nunha función da obra de Valle-Inclán «Ligazón» polo Teatro Estudio.

09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o 24 de maio, Talía, a musa do teatro e das artes da recitación, está de loito en Galicia. Laura, aquela voz prodixiosa, culta e sabia, antes que actriz (non profesional), foi unha extraordinaria recitadora, en público e en privado, desde mociña. Iniciouse en Ferrol, onde naceu o 10 de xuño de 1939, nun tempo escuro e difícil, e máis nunha cidade sinalada nos mapas cun topónimo que metía medo: Ferrol del Caudillo. Alí coincidiu, entre outros, con dúas grandes voces, a de Rafael Taibo e a de Joaquín Lens Tuero.

Foi Vigo, onde Laura residía desde hai moito tempo, a cidade que máis se beneficiou dos recitais de quen, stricto sensu, nunca foi unha recitadora profesional. De feito, moi poucos discos recollen os poemas cos que ela agasallou a amigos e admiradores en memorables sesións privadas. En público, recitou a García Lorca na catedral de Lugo (Oda al Santísimo Sacramento del Altar) o 28 de outubro do 2006. Oíndoa, os versos de Federico («cuando te vi, Dios fuerte,... perseguido por siete novillos capitales») non eran recitados, eran rezados, no que non había herexía pois o galego e o castelán rezar veñen do latín recitare. Entre os rezos laicos de Laura, son moitos os devotos da súa voz que consideran insuperable a súa interpretación de El crimen fue en Granada, a inmortal elexía a Lorca de don Antonio Machado.

Laura dispuña, na súa versátil fonética, de varios rexistros excelsos: o mesmo recitaba versos de Nicolás Guillén, cun ritmo que convidaba á danza, que sorprendía, cando declamaba, alporizada, a invectiva que Evaristo de Sela escribiu contra Franco o mesmo día da morte do tirano (20 de novembro de 1975). En ocasións, Laura ofrecíanos textos en prosa que ela rezaba cun xeito especial, inédito. Son memorables algunhas páxinas galegas de Álvaro Cunqueiro, que deberían oír, nun disco futuro, todos os alumnos dos nosos institutos. No disco Álvaro Cunqueiro, poeta, de 1980, figura a voz de Laura Pérez Landeira. Por se fose pouco, Laura cantaba, coa súa espléndida voz, algúns dos poemas críticos que fixeron famosos no seu día, a Víctor Jara e Mercedes Sosa.