Libros e pedra

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

Detalle da feira da Selic instalada na praza da Quintana hai uns días e que xa rematou.
Detalle da feira da Selic instalada na praza da Quintana hai uns días e que xa rematou. Xoán A. Soler

24 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí atrás armouse unha boa lea, con posicións enfrontadas, a conta dunha actuación da aclamada orquestra Panorama no Obradoiro. É unha praza venerable, encadrada por catro potencias, Igrexa, monarquía, Concello e Universidade, o lugar idóneo para unha pachangada? Non existen na cidade contornas máis acaídas para un evento tan, digamos, mundano? En tan espiñenta disxuntiva intervén, como en tantas outras, a idade do opinante. Aos millennials, afeitos a colonizar nin máis nin menos que un campus universitario para os seus conclaves etílicos nocturnos, supoño que a dimensión histórica de Compostela se la sopla. Que máis ten mazarse como polbos aquí ou alá? Para o caso, é o mesmo mexar ou trousar na fresca herba de Santa Susana que no venerable granito do colexio de San Xerome. Pola contra, para xentes coa sensibilidade tuneada polos anos e un chisco de cultura, resulta intolerable que, sobre a ecuación «todo vale=politicamente correcto», tan cara aos tempos que vivimos, se ignoren os límites que impón a nobreza do lugar e se permita prostituír a súa inherente solemnidade con cumbias, rancheiras e bachata. Isto deixando de lado o impacto decibélico sobre un obxecto tan delicado como a vetusta pedra tallada durante sete séculos.

Cultura? Nobreza? Solemnidade? A ver, señor Blanco Valdés: non será que defende vostede un concepto elitista e un pouco pedorro da cultura? Ou sexa que o Obradoiro é o cadro idóneo para un concerto da Sinfónica baixo a batuta de Gustavo Dudamel pero non para un espectáculo popular de chunda-chunda. É isto, non? Vale. Recoñezo que xoga aquí o valor do propio concepto de cultura. Ou é que o rap non é un produto netamente cultural? Non teño certezas, que conste; o meu único obxectivo, prezado lector, é tocarlle a vostede a paletilla

e movelo a unha reflexión.

En contraste, a Semana do Libro de Compostela (Selic), que rematou hai uns días, atopa na Quintana, e van varios anos consecutivos, unha maridaxe perfecta entre a fidalguía do obxecto e o genius loci. Aloxar a rica e impecable produción editorial da cidade no corazón do seu casco vello propicia unha sublime simbiose: o papel dignifica a pedra e esta irmándase co libro na nobreza do intemporal.