As moitas caras de Castelao

C. P. G A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Uxío-Breogán Diéguez é director da cátedra de Memoria Histórica da UDC.
Uxío-Breogán Diéguez é director da cátedra de Memoria Histórica da UDC. Eduardo Pérez

O doutor en historia pola UDC Uxío-Breogán Diéguez repasou a figura do intelectual nun relatorio celebrado na sede da Fundación Alexandre Bóveda

21 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) era un home de moitas caras. Marcado pola emigración primeiro e polo exilio despois. Pódese falar, por exemplo, do Castelao artista. Das súas caricaturas ou os seus libretos teatrais. Unha face ás veces ensombrecida polo seu outro gran perfil, o do político.

Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978), doutor en historia contemporánea pola Universidade da Coruña (UDC), e director da súa cátedra de Memoria Histórica, fixo na tarde deste luns na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda en A Coruña un repaso por todos os perfís do pai do nacionalismo galego moderno. «É de interese recuperar figuras históricas e políticas como a súa», opina Diéguez. «Desde a perspectiva cultural foi un gran pintor, caricaturista e escritor. Castelao é moi completo, non é habitual atopar políticos que brillaron tanto noutros ámbitos», subliña.

O 2025 é o Ano Castelao. Así o decidiu a Xunta, co aplauso de todas as formacións políticas. «É un gran acerto», apunta Diéguez, quen avoga por rescatar as súas ensinanzas e por poñer de relevo as achegas fundamentais que fixo á consolidación da identidade da súa terra, Galicia. «É un home que sacrificou a súa carreira profesional en favor dos intereses da maioría social galega. Estudou medicina por presión familiar, pero nunca se sentiu cómodo co exercicio desta profesión», profunda Diéguez.

A súa peripecia como funcionario tampouco foi extraordinariamente prolífica. «Podería aspirar a ter unha carreira moito máis longa e con máis proxección». Pero a súa mente estaba xa noutros campos e propósitos. No proxecto esgotador e case inabarcable de axuntar as reivindicacións do galeguismo nun só partido. O Partido Galeguista. Unha casa grande con faccións a miúdo antitéticas. Con poucos principios compartidos alén da defensa da singularidade galega.

Conservadores, socialistas, agraristas e liberais unidos baixo unha soa bandeira. «Foron capaces de xestionar o partido sen grandes enfrontamentos entre faccións. Naquel momento non se entraba a discutir se eran de esquerdas ou de dereitas, tratábase de construír un proxecto nacional galego. Pero el estaba sobre todo comprometido coa democracia, coa República e con Galicia. Era un nacionalista cuxo ideario está en realidade bastante afastados do marco autonómico actual. Hoxe poderíaselle considerar un antisistema. Un home avanzado ao seu tempo que se enfrontou sempre ao caciquismo», engade Diéguez.

Feridas e radicalización

Aínda que a súa doutrina tamén foi mutando co tempo e coas feridas sufridas. A pena e a rabia de ter que marchar da súa terra, a belixerancia coa instauración dun réxime autoritario en España. Todos os acontecementos históricos da época deixaron cicatriz en Castelao. «Como é natural, o seu discurso radicalízase durante a guerra civil e o exilio. Entende que a diplomacia xa non vale, e que vista a situación política hai que procurar a creación dun Estado galego. Desde o punto de vista económico, non estaba moi afastado do que naquel entón representaba a Unión Soviética», explica o docente e investigador.

Poliédrico. Polisémico. Polifacético. O 2025 é ocasión para repensar e redebuxar a todos os Castelaos. Ao que pintaba e ao que escribía e ao que loitou polos seus principios aínda que o prezo fose o desterro. Ter que ser xa para sempre un home lonxe de casa, cheo de recordos e de soños que, polo menos en vida, non puideron ser.