Xosé Miranda gaña o Premio de Poesía Afundación tomando como referencia a mitoloxía galega

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

<span lang= gl >Xosé Miranda, autor do poemario gañador no certame de Afundación</span>
Xosé Miranda, autor do poemario gañador no certame de Afundación CARLOS CORTÉS

O autor lucense impúxose con «As torres abolidas» nun certame literario ao que se presentaron 44 poemarios

02 oct 2025 . Actualizado a las 21:17 h.

Xosé Miranda (Lugo, 1955) toma o relevo do asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro como gañador do Premio de Poesía Afundación. Faino con As torres abolidas, un poemario no que o xurado reunido este xoves en Santiago destacou o tratamento que se fai da mitoloxía galega, «con lucidez e acerto» e elevándoa ao nivel das mitoloxías clásicas. Tamén fixo fincapé no uso que o autor fai das formas clasicistas, co soneto como gran referente, co que «logra a musicalidade e a altura da palabra, cun emprego habelencioso da ferramenta literaria: a nosa lingua propia».

O xurado celebra, ademais, que o autor galardoado nesta 23.ª edición sexa un recoñecido escritor cunha traxectoria xa consolidada nas letras galegas. «Isto pon de manifesto a vitalidade da poesía galega de hoxe, con claro carácter interxeracional», recolle a acta do premio convocado por Afundación, a Consellería de Cultura e o Centro PEN.

Luis González Tosar, Miriam Ferradáns, Manuel Figueiras, Modesto Fraga e Marica Campo —que exerceron de xurado nesta edición— tiveron un intenso debate para elixir a obra gañadora entre as 44 inéditas que se presentaron dada a gran calidade que tiñan en torno a media ducia das candidatas. Finalmente, o galardón foi concedido por maioría. «Detectamos a presenza de varias voces interxeneracionais. Non só estaban autores das novas xeracións, senón tamén das anteriores, dos 80 e 90, que xa teñen un lugar de seu na literatura e poesía galega. Esa interxeracionalidade obrigounos a ter un debate exhaustivo», afirmou o presidente do xurado, Luis González Tosar. Precisamente, esta presenza de creadores xa con prolongada traxectoria «non forma para da habitualidade dos que se presentan, pero é algo moi positiva, moi de celebrar», engadiu á vez que resaltaba a «riqueza léxica extraordinaria» da obra gañadora e «a afouteza» de Miranda por presentarse ao certame.

O Premio de Poesía Afundación, que conta cunha dotación económica de 7.000 euros ademais da publicación da obra na colección Arte de trobar, tivo este ano unha das participacións máis numerosas dos últimos anos. Precisamente, eses 44 traballos presentados, xunto «coa interxeneracionalidade e a calidade das obras, fan que nos sintamos orgullosos deste galardón», sinalou o director xerente de Afundación, Pedro Otero, á vez que recalcaba que se trata dun certame xa consolidado. Un aspecto este no que fixo fincapé o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidindo que se trata «dun faro nos premios literarios en Galicia». Tamén puxo de manifesto o gran momento creativo que vive actualmente a literatura galega.

Entre a relación de gañadores deste premio literario están Xavier Seoane, María do Cebreiro, Luis Valle, Marilar Aleixandre, Gonzalo Hermo, Ledicia Costas, Miguel Sande e Rafa Vilar.