Un poeta en San Simón

CULTURA

Detalle da illa de San Simón, na ría de Vigo.
Detalle da illa de San Simón, na ría de Vigo. M. Moralejo

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén en San Simón a represión franquista aillou, entre republicanos de moi diversa condición, a algúns poetas, quizais para que deixasen de cantar e de contar. Un deles chamábase Diego San José, nado en Madrid no ano 1884 e falecido en Redondela en 1962. Escritor polifacético, exercía o oficio no Madrid republicano antes do funesto Dezaoito de Xullo, e, en abril de 1939, xa Madrid baixo a bota de Franco, foi preso e xulgado, sen auténtica defensa, polos vencedores que nin sequera foron clementes con aquel republicano, pacífico e católico, que estaba moi lonxe de calquera extremismo. Tiña daquela, xa, un nome entre os escritores non só no eido do xornalismo senón no da narrativa, a poesía e o teatro. O seu estilo era inconfundible cando imitaba o dos clásicos do Século de Ouro, o que facía con moita frecuencia. Home de ben, penou tres anos na illa de San Simón, que Valentín Paz Andrade chamou nun poema de 1976 «illa do amor, illa da morte» (o do amor, pola inmortal cantiga de Mendiño). Nela escribiu valiosos versos durante tres anos (1941-1943), algúns tan nobres e delicados coma estes: «Si por volar estoy preso, / lástima me dan los pájaros, / que no faltarán halcones / que los persigan volando».

Cando as leis de Atila o liberaron, el e a súa muller e os seus fillos foron veciños de Redondela, onde contaron coa estima de moita xente e a axuda xenerosa e moi eficaz de dúas nobres familias, a de dona Ernestina Otero e a de José Regojo. Datos elocuentes sobre a solidariedade destas e doutras persoas figuran na colectánea organizada por Manuel Puga Pereira e Xosé M. Moreira Docampo co título Redondela e os redondeláns na obra de Diego San José (Concello de Redondela, 2013), prologada por Darío Villanueva. Facemos esta evocación poucos días despois de que o cineasta Miguel Ángel Delgado (Valdepeñas, Ciudad Real, 1974) presentase, no Festival de San Sebastián, o seu filme sobre a illa de San Simón como campo de concentración.

Xa fóra da cadea, San José escribiu varios libros valiosos, algúns só publicables, como o titulado De cárcel en cárcel (Ediciós do Castro, 1988), despois da morte de Franco.