Antón Tovar e a vella Susa

CULTURA

O escritor Antón Tovar nunha imaxe de arquivo.
O escritor Antón Tovar nunha imaxe de arquivo. MIGUEL VILLAR

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Releo de vez en cando poemas de Antón Tovar (1921-2004), sobre todo desde o ano 2023, data na que o profesor Delfín Caseiro publicou a magnífica —e temática— Antoloxía poética. Releo versos e versos consciente do que outros lectores teñen suxerido ou indicado que Tovar, dos escritores que xa nos deixaron, está entre os catro grandes poetas galegos do século XX (Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro; cinco, se temos en conta a obra de José Ángel Valente). É unha valoración que tamén comparte, no esencial, o galaicista sardo Pietro Molteni (fillo), moi versado na nosa poesía, tamén na obra en castelán de Antón Tovar, entre a que se conta o poemario El tren y las cosas (1960), libro que encandeou no seu día, entre outros, a Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares.

Nas miñas relecturas, case sempre me demoro en cinco poemas que o antólogo Delfín Caseiro recolle no capítulo A reivindicación da lingua, unha conmovente declaración de compromiso co vello idioma do país nun cidadán que foi socializado en castelán no seu fogar ourensán, no que, desde 1928, entrou, como criada de servir —e aleitadora da irmá pequena—, Xesusa Blanco Fernández (solteira, cunha filla que deixou na aldea en boas mans, da familia), a Susa dos poemas que, ao longo da súa vida, escribiu sobre ela, ademais de dedicarlle o libro Non, de 1967. Tamén me demoro nos poemas sobre a Susa, a quen, como confesou en varias ocasións, lle debía, en moi boa parte, a fala, transmitida en tantos e tantos momentos cando contaba, aos oito rapaces da casa, historias, e cantaba cántigas populares.

De todo isto fala a profesora Patricia Arias Chachero nun recente artigo, titulado A traballadora doméstica de Antón Tovar, coa debida documentación e ilustrado con dúas fotografías da protagonista (Sermos Galiza, 13-9-2025, monográfico cultural do sábado). Non sei de ningunha conxénere profesional que fose honrada en tantos poemas, «non menos de dez», indica a autora citada, que conclúe: «Un poeta que soubo manterse sempre ao servizo das causas dos que sofren, dos pobres, dos humildes... da vella Susa».