Adrián Castiñeiras, protagonista de «O home perfecto»: «A xente non esperaba esta aposta por unha historia tan arriscada»

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Adrián Castineiras, no soto onde Guille planea as súas estafas
Adrián Castineiras, no soto onde Guille planea as súas estafas MARCOS MÍGUEZ

O actor coruñés interpreta un personaxe que son tres na serie das estafas do amor producida por Voz Audiovisual para TVG. «Foi o papel máis importante da miña vida», asegura

04 nov 2025 . Actualizado a las 13:46 h.

«Foi o papel máis importante da miña vida». Adrián Castiñeiras (A Coruña, 1982) está tranquilo, aínda repousando un traballo que considera «un regalo». El é o protagonista masculino de O home perfecto, a serie producida por Voz Audiovisual para TVG baseada nunha dura realidade: a das estafas do amor. A produción chega esta noite —21.50 horas— ao seu ecuador. Unha segunda parte da historia na que vai en aumento o compoñente de thriller.

—Agora si comeza a caza do home perfecto. Que sensacións lle transmite o público?

—Estou sorprendido porque a serie está na rúa. A xente dime que está gustando moito, que é unha serie diferente, que non esperaban algo así neste momento, cunha aposta tan arriscada por este tema en concreto. O outro día dicíanme que é o momento ideal para contar esta historia.

—Vostede encarna a ese home perfecto, a un depredador. Que pensou cando leu un guión con tanta realidade?

—Emprégase moito un clixé no audiovisual, que é dicir que o proxecto é moi especial. Hai veces, coma esta, que non é un clixé. Sinto que estaba no momento ideal de madurez como actor e como home para interpretar este personaxe. Por iso afrontei este traballo dunha forma tan honesta. Entregueime ao cento por cento neste papel, que foi moi esixente. Unha cousa que falabamos nas primeiras reunións de guión cos directores e creadores da serie é que todos concordabamos en que a única forma de contar esta historia era de verdade, con toda a profundidade dos sentimentos e as súas implicacións.

—Investigou sobre estas estafas?

—Absolutamente. Vin todos os documentais e series sobre este tipo de casos e sobre estes estafadores. Lin todas as noticias, busquei a maneira de achegarme e de entender os seus motivos. Por suposto que no os comparto. Non entendo que pode levar a alguén a facer algo así. Iso si, teño a responsabilidade de defender o meu personaxe. Estamos a falar dun ser humano. Hai que buscar a humanidade nel por moito que non nos gusten as súas accións.

—E a que conclusións chegou?

—A que é un home completamente roto por unha mala relación cos seus pais, por unha infancia na que houbo cousas que o deixaron moi marcado. Ten unha relación coas mulleres, co amor e co sexo moi viciada por todo o que viviu.

—Vostede é nesta serie Guille, pero tamén Leo e Gus. Son tres personaxes nun.

—Claro, o meu personaxe é un camaleón absoluto. Hai ese xogo incluso no título. O home perfecto non existe, pero o que fai el é construílo para cada unha das súas vítimas. Tiven unha semana antes de empezar a gravar para preparar os tres personaxes. Quería que cada un fose diferente, cada un fala de forma diferente, móvese de forma diferente, e creo que está conseguido e feito de forma sutil. Non quería facer un trazo gordo desas diferenzas. Creo que está ben executado porque estiven moi apoiado por todo o equipo de dirección e guión e polo resto de actores, que son marabillosos e déronme moita cancha para poder xogar.

—O seu personaxe engana a Rebeca (Alba Loureiro) e Luísa (Elena Seijo), dúas mulleres moi diferentes. Como o prepara?

—O que fai cando as investiga é detectar as súas debilidades. El ataca aí. Constrúe o seu personaxe a partir da necesidade da persoa que ten diante. Estamos a falar de mulleres faltas de cariño e de atención, que necesitan que as seduzan de maneira máis física, como é o caso de Rebeca, ou dunha maneira máis intelectual, coma é o caso de Luísa.

—As súas compañeiras de rodaxe encomian o seu esforzo interpretativo.

—Que emoción que digan iso. Como lle dixen aos compañeiros, baleireime por completo neste proxecto. Púideno facer porque estiven moi apoiado, tanto a nivel persoal como profesional, polos meus compañeiros, que xa son amigos de antes ou, aos que non coñecía, o son agora. Foi un espazo moi seguro para traballar. O mesmo esforzo que as compañeiras viron en min, eu vino nelas. Ademais, hai que pensar que este tipo de rodaxes son moi intensos porque son apenas tres meses para facer todo.

—Vostede reflexionou sobre as vítimas reais?

—Por suposto. Esa é a viaxe que queremos que faga con nós o espectador porque todos temos prexuízos. Cando ves as noticias, dicimos: como é posible que estas mulleres caeran niso, se está claro que é unha estafa. Pois non. Estes estafadores empezan con pequenas cousas. Non che piden cartos o día un. Van moi pouco a pouco, seducindo moi ben, cunhas ferramentas que están traballadas. Claro que podes caer. E hai outra cousa: a serie fala de casos moi extremos, pero todos na nosa vida deixamos que o autoengano nos xogara malas pasadas en cousas moito máis pequenas. Quen non tivo un engano no amor? Suma a iso a soidade que, por desgraza, cada vez é máis habitual nunha sociedade coma esta.

—Cal diría que foi a maior dificultade do proceso?

—O pouco tempo. Foi complexo ter que buscar as tres maneiras nas que se expresan fisicamente os tres personaxes. Iso foi, sen dúbida, o máis difícil. O equipo de dirección axudoume moito intentando que cada día de rodaxe só tivera que interpretar secuencias dun dos tres. Non mesturar. Sabía que un día ía a ser Leo toda a xornada, Guille ou Gus. Axudoume moito a estar máis metido en cada papel. Tiña un estilo de música para cada un deles. Levantábame pola mañá e poñía a música de cada personaxe. Iso poñíame no sitio e coa enerxía que necesitaba en cada xornada de rodaxe.

—Que pouso lle gustaría que quedara no espectador sobre esta historia?

—Gustaríame que se decataran de que é unha produción moi comprometida. É moi importante. Entretida, por suposto, pero tamén unha serie comprometida, que lanza unha mensaxe clara que queda na sociedade. Tamén sería marabilloso que quedaran co tremendo esforzo que fixo o equipo artístico, de dirección e guión desta serie.