Estas son as finalistas para a Palabra do Ano 2025: «Desfeita», «foliada», «loia», «lume», «retrinco» e «xenocidio»

LA VOZ REDACCIÓN

CULTURA

A votación telemática para elixir o vocábulo está aberta ata o domingo 21 de decembro ás 23:59 horas no Portal das Palabras

03 dic 2025 . Actualizado a las 14:37 h.

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio son os termos finalistas para a elección da Palabra do Ano 2025 tras a recolleita das suxestións de vocábulos por parte do público. E agora será de novo a quenda dos cidadáns, que terán a oportunidade de seleccionar cal destas seis voces debería ser a que reciba a honra de se alzar con este recoñecemento a través da votación telemática que xa está aberta no Portal das Palabras desde este mércores ata o domingo, 21 de decembro, ás 23:59 horas.

Os vocábulos elixidos dentro desta iniciativa organizada anualmente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié representan dalgún xeito asuntos que marcaron a actualidade dos últimos meses, segundo salienta a RAG. Temas de interese tanto local como global e que versan sobre as inquedanzas pola vulneración dos dereitos humanos ou os grandes incendios forestais que este pasado verán afectaron ao ecosistema galego e de España en xeral.

Precisamente por iso, lume é un dos vocábulos elixidos polo público. Unha palabra de uso común e de gran sonoridade que provén do lumen, -inis latino, co significado de «luz» ou «resplandor». Neste caso, reflicte a preocupación pola vaga de incendios forestais e polo agravamento dos efectos do cambio climático no territorio.

No sentido destes graves danos también aparece a palabra desfeita, unha palabra que segue a estar ben viva na fala e que se compón do prefixo des-, que posibilita a formación de palabras co significado de «privación» ou «negación», aplicado ao verbo facer, que procede do latín facere. Na súa primeira acepción no Dicionario da Real Academia Galega, quere dicir «grave dano, destrución, estrago».

Como palabra relacionada coa desfeita, pero neste caso no mundo das novas de actualidade, están as loias, outra das seleccionadas e que se refire a aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso. A palabra, coma a súa irmá loiadas, adquiriu na actualidade a acepción neolóxica que se refire ás informacións falsas divulgadas a través de medios electrónicos, xeralmente co fin de desinformar. Son dúas voces alternativas galegas ao innecesario anglicismo fake news e que se forma a partir do termo latino laudare, que significaba «alabar».

E precisamente son moitas as loias que se usan para esconder ou xustificar cousas tan graves e tan universais como o xenocidio, outra palabra seleccionada que refire á «exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos». Un termo que volve a estar tristemente de actualidade polo seu uso para designar o masacre que está a perpetrar Israel en Gaza. Fórmase a partir do grego xeno- «pobo» e o sufixoide de orixe latina -cidio «matar».

Máis en clave galega, e relacionado co vocábulo que se fixo coa Palabra do Ano 2024 —cantareiras, aparece tamén a palabra foliada, que se refire a esa «reunión nocturna de xente para divertirse, cantar e bailar» ou «diversión buliciosa en que participa un grupo de persoas». En só sete letras, serve para reflectir o moito que se presta o pobo galego á festa, que na nosa lingua conta cunha morea de sinónimos que fan que preste máis, que lle engade intensidade, dende ruada e xolda a pándega, rexouba ou esmorga.

E agora que remata o Ano Castelao, tamén ten o seu burato a palabra retrinco, que o autor empregou en plural para titular o libro de relatos que publicou por primeira vez en 1934. O Dicionario defínea como «cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala, en especial dunha tea cando se vai confeccionar unha peza de roupa» e tamén como «espazo moi breve de tempo». Pero na era dos reels e clips, retrinco ben podería emerxer ademais como unha alternativa propia para nomear os triscos de realidade, verdadeira ou ficticia, que captan a nosa atención a través das pantallas.

Vota na nosa enquisa e deixa a túa opinión sobre o termo escollido nos comentarios.