O acordo fai coincidir o festexo co 50.º aniversario do seu pasamento
18 dic 2025 . Actualizado a las 00:09 h.O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha declaración institucional na que se designa o 2026 como Ano Oteriano, é dicir, de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), co gallo do 50.º aniversario do seu pasamento e tamén do centenario da publicación da Guía de Galicia, unha das súas grandes obras. Todos os grupos políticos apoiaron un acordo que confirma «a transcendencia da súa figura na construción da Galicia moderna».
O conselleiro de Cultura, José López Campos, celebraba esta decisión que conmemora unha persoa esencial «nas letras, o pensamento e a identidade galega contemporánea». A propia declaración, subliñou, lembra como Otero Pedrayo se erixe como «un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia», ao tempo que puxo en valor que se recoñeza como «representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra».
Nesta liña, deben remarcarse as múltiples facianas dun dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, así como membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista, que nunca abandonou aínda que polo seu profundo catolicismo e pensamento político de corte liberal e conservador disentiu en ocasións das súas propostas.
A declaración, aprobada no último pleno do 2025 e lida polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, enxalza a Otero Pedrayo e recorda a vixencia da súa obra literaria e científica, e segue a ser un referente de estudo e inspiración», xa que «desde o seu prolífico labor non deixou xénero sen cultivar» para conformar o seu «case inabarcable mundo literario, o que lle valeu a designación como Patriarca das Letras Galegas».