Un documental explora a paixón pola xeografía do intelectual galeguista
03 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«O amor á terra soamente se explica cun vencellamento absoluto coa terra. Eu sinto a chegada do verán, a chegada do inverno, a primavera, no meu sangue antes que nos primeiros gromos. Isto venme de sempre, dende neno en Trasalba». Contáballo, bebendo café nunha cunca inglesa, don Ramón Otero Pedrayo a Víctor F. Freixanes, que deixou por escrito aquela conversa en Unha ducia de galegos.
«Foi un precursor». Na voz de María José Bravo Bosch escintila un chisco da mesma paixón coa que Ramón Otero Pedrayo abrazaba a xeografía. «Hai moitos anos que el xa predicaba a importancia de preservar a paisaxe, moito antes de que xurdiran os movementos a favor da terra e da conservación da paisaxe e dos noso recursos». Diso, precisamente diso, fala o documental Ramón Otero Pedrayo. Dereito á paisaxe, que onte se presentou en Santiago dentro do Ano Oteriano e que poderá verse a través da páxina web da Fundación Otero Pedrayo.
«Moitas veces falamos de don Ramón Otero Pedrayo en relación coa cultura, porque é o patriarca das Letras Galegas, e en relación coa literatura. Pero nós queriamos ser quen de reflectir a paixón que tiña pola xeografía, pola paisaxe, polo noso país», di Bravo Bosch, directora deste documental. Porque a asociación máis inmediata que xurde na mente cando se fala do profesor ourensán é Arredor de si, ou Os camiños da vida. Ou O señorito da Reboraina. Pero na ampla —amplísima— produción literaria de don Ramón hai unha gran cantidade de textos dedicados á xeografía e á paisaxe.
Por iso, Ramón Otero Pedrayo. Dereito á paisaxe é unha peza audiovisual na que se mestura documentación con entrevistas a expertos e expertas sobre a figura do intelectual galeguista. Pola metraxe van achegando o seu coñecemento nomes da talla de Xesús Alonso Montero, Patricia Arias Chachero, Augusto Pérez Alberti e Ramón Villares, que vén, por certo, de gañar o premio Trasalba.
Gravado na Casa Grande de Trasalba, Ramón Otero Pedrayo. Dereito á paisaxe, ten porén vocación de relato cinematográfico e as entrevistas e a documentación da época mestúranse con ficcións «que reflicten varios temas», explica a súa directora. A través destas ficcións recréanse pasaxes da vida de don Ramón, como a peregrinación que fixo a Santiago con Vicente Risco e Ben-Cho-Shey ou momentos da súa infancia. Estas partes, ao ser recreacións, si que se toman algunha licenza.
«Houbo que esperar ás veces polo tempo» para reflectir ben as paisaxes da Bocarribeira, dos arredores da casa grande, daquel Camiño que emprenderon, relata a directora do documental. «O que quixemos entre todos os que colaboramos é amosar a don Ramón Otero Pedrayo como se merece». Por iso, o documental tamén terá un acto de presentación en Ourense, cun carácter divulgativo. «Non se trata de elixir un público selecto, senón procurar que todas e todos saibamos os persoeiros que tivemos e dos que podemos estar ben orgullosos», conclúe.