El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
Circe e Morgana, na voz de Begoña Caamaño: A RAG presenta a publicación conmemorativa das Letras
CULTURA
A edición reúne dous textos da autora nos que fala de como naceron e para que as súas novelas. O que fala de «Circe ou o pracer do azul» estaba inédito ata agora
05 may 2026 . Actualizado a las 13:37 h.A edición conmemorativa do Día das Letras Galegas 2026 da Real Academia Galega reúne dous textos de Begoña Caamaño nos que a autora homenaxeada explica a xénese e o horizonte das súas dúas novelas. O primeiro, sobre Circe ou o pracer do azul (2009), é un traballo que permanecera ata o momento inédito que a escritora e xornalista preparara para a súa intervención nos VII Diálogos Literarios de Mariñán no 2010. O segundo concibiuno para a presentación de Morgana en Esmelle (2012) en Santiago e foi recollido no seu momento na revista Festa da palabra silenciada. Nestas liñas, Caamaño identifica as coincidencias centrais entre ambas as obras: o seu propósito de «abordar dende a escrita de ficción diferentes asuntos que, se callar, deberían formar parte dun ensaio sobre feminismo; ou, mellor dito, sobre o mundo concibido dende o feminismo», e mais a súa paixón pola mitoloxía.
O público que asista ao pleno extraordinario da Real Academia Galega do 17 de maio no Teatro Principal de Santiago será agasallado con Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, xa dispoñible en versión dixital na web da RAG. En ambos os escritos «translocen as lecturas que sedimentan unha e outra obra, o respecto, a esixencia, a ironía e a honestidade na revisión do seu propio proceso literario. A literatura, coma colchas tecidas con retallos, é unha voz coral na que se recoñece», indica a académica Ana Romaní no limiar.
Na primeira achega que presenta a edición conmemorativa, Begoña Caamaño expón os motivos polos que decidiu converter Circe e Penélope nas protagonistas do seu debut literario. O primeiro remóntase aos tempos da infancia, cando leu por primeira vez os clásicos. «Na Odisea non atopaba eu a moza que me permitise seguir satisfactoriamente a Ulises nas súas aventuras, Penélope aparecía para min como un ser pasivo e desdebuxado», rememora. «Así que, malia o moito que gustaba, e gusto, da mitoloxía e das obras clásicas, quedou en min unha certa insatisfacción arredor da Odisea», lembra.
O segundo motivo veu da man do seu espertar feminista, que a levou a «sentir a necesidade de deconstruír modelos e arquetipos». Antes de expoñer como emprendeu esta tarefa, a autora repasa algunhas das numerosas revisións e revisitacións de Circe e de Penélope ao longo da historia da literatura universal. A meirande parte dos autores masculinos que volveron sobre o ideal feminino proxectado por Homero na esposa de Ulises —advirte— móvense «entre a santa e a puta». Entre outras, Begoña Caamaño refírese ás Penélopes de Teócrito ou Catulo, aínda no mundo clásico; á de James Joyce e á «pensativa Penélope» de Cunqueiro; ata chegar ás «infinitas subversivas Penélopes que foron aparecendo nas, agora si, nada homéricas deconstrucións feitas por mulleres».
Oriana Fallaci ou Margaret Atwood son algunhas das escritoras que sinala entre estas últimas, antes de revelar as súas verdadeiras fontes de inspiración, que se remontan á autora fundacional das letras galegas contemporáneas. Caamaño identifica primeiro a Penélope labrega que ten o home emigrado e tece soia a súa tea en Follas novas, e deseguido destaca «esoutra, xa claramente feminista» que, de novo Rosalía de Castro, presenta no poemario En las orillas de Sar: «unha Penélope que non agarda por Ulises e tece e destece non unha espera, senón a súa propia vida». Esa foi «a orixe da miña Penélope. Para chegar, á fin, á máis arelada, aquela que todas queremos e na que todas nos soñamos: a de Xohana Torres. Nesa Penélope forte, aventureira, dona de seu, que tamén navega, que terma sen vacilación do leme da súa historia e transita os seus propios mares. Nesa Penélope afouta, nesa muller enteira, remata a miña novela. Ela foi non o meu comezo, senón o meu horizonte», engade.
O segundo escrito, que tiña como destino a presentación de Morgana en Esmelle na Feira do Libro de Santiago, Begoña Caamaño refírese ademais á inspiración que atopa nas que denomina as «heroínas do cotián». «Están nas rúas, nas facultades, nas tabernas, nos mercados, nas fábricas, nos teatros... Ás veces, insubmisas, toman as prazas en manifestacións multicolores; noutras ocasións permanecen prisioneiras nas súas casas e pagan moi caro, mesmo coas súas vidas, o prezo da rebelión», sostén.
Partindo das lendas do ciclo artúrico, Caamaño tratou de «abrir unha reflexión plural canto á ética que debe conducir cada proposta e o xeito de defendela. Asústame o abuso de poder. Pero máis, moito máis, infinitamente máis, me asusta o poder de abusar», alerta nun texto que remata cun compromiso: «É o momento non de cambiar as regras, senón o xogo. É o momento de mudar o mundo; de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais, é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, por que non? Da felicidade».
Actos en Vigo e Compostela
A Real Academia Galega volverá o luns que vén a Vigo para comezar a semana das Letras Galegas na cidade onde naceu e medrou Begoña Caamaño. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD de Galicia) acollerá a presentación pública do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul. Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, alumnas e alumnos deste centro, son parte do elenco que interpreta no filme fragmentos da obra literaria da autora. A película pode verse xa na web da Real Academia Galega, pero esta será unha ocasión para conversar cos directores, Damián Varela e Alba López, as actrices e os actores e outras voces que participan nesta proposta.
Seguindo o percorrido vital da homenaxeada, o 17 de maio Compostela, a cidade onde Begoña Caamaño se fixo escritora, acollerá o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas. O Teatro Principal será o escenario do acto central , no que as académicas Ana Romaní e Marilar Aleixandre e mais o académico Víctor F. Freixanes afondarán nas súas alocucións na literatura, no xornalismo e na vida de Begoña Caamaño nunha celebración tamén de entrada libre ata completar a capacidade da sala. Poderá seguirse ademais en directo dende academia.gal.