Autores da Terra Chá soarán nas voces de máis de 400 nenos e nenas este venres en Vilalba
CULTURA
A décima edición de «No bico un cantar» reúne a alumnado de sete conservatorios de música, ademais de escolas municipais
02 jun 2026 . Actualizado a las 17:16 h.A rapazada cantou a Rosalía, a Curros, a Cabanillas, aos trobadores medievais, a Castelao..., e desta volta os protagonistas da décima edición de No bico un cantar son os poetas da Terra Chá. Os seus versos soarán este venres en Vilalba nas voces de máis de 400 alumnos e alumnas dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vilalba, así como das escolas municipais de música do Pallarego de Mondoñedo, Ribadeo e Xove, xunto ao coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia e ao da Escolanía da Catedral de Santiago. O concerto incluirá, ademais, a estrea de Dicir do namorado, unha composición creada por Paulino Pereira sobre o poema homónimo de Xosé Crecente Vega, unha das voces fundamentais da poesía da Terra Chá.
Á fronte da dirección deste concerto, que se celebrará ás 17.30 horas na escalinata da praza de Santa María de Vilalba, estará Maximino Zumalave. «É especial facer música con xente tan nova», manifestou o mestre. Tamén actúa a agrupación de metais Hércules Brass. Formarán parte do repertorio, entre outras pezas, María Balteira, sobre o poema de Darío Xohán Cabana e música de Xosé Luís Rivas; O carro, unha das composicións máis emblemáticas da música galega contemporánea, creada por Fuxan os Ventos a partir de versos de Manuel María; e Caracol, tamén sobre unha peza de Manuel María. Na segunda parte do concerto, chegará a estrea absoluta de Dicir do namorado, para rematar con Maio longo, sobre o célebre poema de Rosalía musicado por José Baldomir. Para o pianista Alejo Amoedo, esta actuación «trascende o concepto de concerto infantil».
A actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega e as consellerías de Educación e Cultura, é moito máis que un concerto, tal e como destacaron na súa presentación. «É un espazo de convivencia ao redor da cultura, a música e a literatura. Percorre o país e pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical», apuntou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez. Nese aspecto tamén incidiu o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo: «Ten esa dimensión de coñecemento, rapaces que van aprender con pezas literarias, pero tamén é unha xornada de convivencia. Vai ser unha festa da palabra, da música e da coralidade». O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Rubén Vázquez, destacou que a proposta «non é só musical, senón tamén coñecemento da nosa cultura». Uns aspectos nos que incidiu a alcaldesa de Vilalba. «Reúne música, lingua, literatura e identidade», manifestou Marta Rouco.