Presentou ademais unha edición bilingüe de Heraclio Pérez Placer e prepara agora unha Historia da literatura galega
07 jul 2026 . Actualizado a las 19:03 h.«Mosquito-vinagre-man-etcétera-rabo». Como se escribe Castelao en xaponés aprendeullo a Daniel o seu amigo Masaki Yogodawa, naquela altura secretario-intérprete da delegación xaponesa en Madrid, que o despedía en Atocha cando Castelao ía coller o tren que o levaría París. Dende agora, é posible saber que caracteres nipóns compoñen Alba de groria, Un ollo de vidro e unha escolma das Cousas e como soa Castelao en xaponés.
Haberá quen diga que é no intre no que a auga das herbas de San Xoán refresca as facianas, ou que acontece no mesmo solsticio, pero o certo é que o verán en Galicia arrinca cando Takekazu Asaka trae con el, como cada ano, unha nova tradución da literatura galega. Desta volta son dúas, esta escolma de textos de Castelao, e a primeira tradución de Heraclio Pérez Placer. «No verán de 1989, estando en Santiago, un día paseaba pola Rúa do Vilar e atopei unha libraría. Chamábase Galí e era unha das máis antigas da cidade. Entrei nela e atopei un libriño de 30 páxinas que me chamou a atención. Con curiosidade, compreino axiña». Custoulle a Tatekazu Asaka cincocentas pesetas e aquela copia de Cantares premiados estivo 35 anos gardado na súa biblioteca. Despois de xubilarse, Asaka sacouno do andel e comezou a traducir os versos do escritor. «Tratábase de dar a coñecer a Heraclio Pérez Placer cando case non o coñecen os galegos», dicía Armando Requeixo, autor do prólogo.
«El non só traduce eses contos senón que tamén fala da influencia da pintura xaponesa, desas estampas que Castelao comprou de viaxe en París e que tiña adornada a súa casa da rúa da Oliva», explicaba Miguel Anxo Seixas, autor do prólogo da Pequena escolma de Castelao. O libro comeza cunha reprodución da capa de Vento mareiro, de Ramón Cabanillas, na que Castelao debuxa dous piñeiros, moi semellantes ás árbores que Hokusai Katsushika, pintor dacabalo dos século XVIII e XIX plasmou nunha das súas recoñecibles pinturas: el é o autor do famoso A grande onda de Kanagawa.
Preguntábase Manuel González, director científico do Centro Ramón Piñeiro, se a distancia cultural permite á sociedade nipona entender aquela historia de Castelao sobre os pobres chorando pola vaca morta mentres os ricos rin, e os ricos chorando por unha cadela morta mentres os pobres botan gargalladas. Porque a tradución, como sinalaba o secretario xeral da Lingua, non consiste unicamente en pasar dun código lingüístico a outro. «É proxectar, plasmar, escenificar. É, en definitiva, o que tería que transmitir unha mensaxe».
Castelao é un mito. Así que o mellor xeito de explicalo é cos mitos da cultura xaponesa. Requeixo valeuse de Shotoku, un príncipe lendario no tránsito do século VI ao VII que foi o fundador do Xapón moderno, como Castelao «o país, o territorio, a comunidade, a nación, cada un que lle poña a etiqueta que queira, que é Galicia». E igual que Hokusai Katsushika é o alicerce estético da cultura nipona, Castelao é marca artística de Galicia.
Haberá que ver que é o que chega o vindeiro verán do país do sol nacente. Pode ser a primeira Historia da literatura galega en xaponés — «falta dez páxinas», di Asaka rindo— ou se cadra unha tradución da obra Neira Vilas, unha suxerencia que abrollou durante a presentación destes volumes.
O importante é que esa balanza descompensada da que falaba Miguel Anxo Seixas empeza a equlibrarse. Hai tradución de moitas obras ao galego, tamén xaponesas —aí esta Murakami— pero pouco clásico da literatura galega que se proxecte deste xeito ao exterior. Asaka contribúe a iso.