O FICBueu repensa os límites do cinema cunha homenaxe a Chantal Akerman

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manuel Pena, da dirección do FICBueu, presentando onte a programación do festival
Manuel Pena, da dirección do FICBueu, presentando onte a programación do festival Aroa Pombo

O festival, que ofrece unha panorámica das formas que adopta hoxe a curta, proxectará 78 filmes, 41 estreas en Galicia, 19 estatais e dúas internacionais

03 sep 2026 . Actualizado a las 19:52 h.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) enfronta a súa 19.ª edición —que comeza o venres e remata o 19 de setembro— co obxectivo de repensar os límites do cinema e cunha nova vindicación das posibilidades da curtametraxe para descubrir outras miradas, experimentar coas imaxes e reflexionar sobre a contemporaneidade da sétima arte. Co protagonismo principal para a competición internacional e galega, o certame acollerá novas voces procedentes das distintas escolas, procurará a recuperación do patrimonio cinematográfico e fomentará a investigación e o pensamento.

Nesa liña, abrirá un espazo para a reflexión nas Xornadas Cinematográficas, que desta volta lanzarán unha gran pregunta: onde están os límites do cinema? Catro eixos, detalla a organización abordarán os límites éticos e políticos da representación, a autocensura, as fronteiras entre creación e industria e a posible homoxeneización cultural do audiovisual contemporáneo. Estas conversas convocarán voces como Oriol Erausquin, Layla Martínez, Ricci Galiano, Antonio José Navarro, Jara Yáñez, Álvaro Peña, Yago Paris, Ariadna Cordal e Pepa Llausás, con debates que irán desde a representación de Palestina ou da extrema dereita ata a cultura da cancelación, as presións do mercado e os modelos narrativos dominantes. Como culminación destas xornadas proxectarase o filme de Chantal Akerman Les rendez-vous d'Anna (1978), «unha obra que desafía as formas narrativas tradicionais a través dunha proposta minimalista e inmersiva, marcada polos planos longos, a observación do cotián e a distancia emocional da súa protagonista».

Acompañados de Jacobo Sutil, director da axencia autonómica Agadic; Jorge Cubela, responsable de cultura da Deputación de Pontevedra; Carmen García, delegada da mesma área no Concello de Bueu; Manuel Pena e María Ruiz-Falcó, membros da dirección do certame, presentaron unha programación que compón unha ampla panorámica das formas que adopta hoxe o formato da curtametraxe, para o que proxectará 78 filmes, dos que 41 son estreas en Galicia, 19 estatais e dúas internacionais.

A sección Descubertas abrirá a competición o próximo con catro propostas especialmente vinculadas á experimentación formal e narrativa: Opera, de Igor Zelic; Merrimundi, de Niles Atallah; Tamashi, de Ashima Shiraishi e Jess X. Snow; e O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova. «A percepción, a tecnoloxía, o corpo, a memoria e a resistencia política atravesan unha selección que explora outras posibilidades da linguaxe cinematográfica», anota a organización.

A presenza galega

A sección Oficial reunirá 28 películas en seis programas competitivos, que se proxectarán entre o luns 7 e o sábado 12. A selección percorre realidades e sensibilidades moi diversas, con historias sobre os coidados e os vínculos familiares, a guerra e o desprazamento, a memoria, a identidade, a vellez, a precariedade ou as expectativas económicas das novas xeracións. O cinema galego estará presente na competición internacional con Ángel Suanzes, que presenta Escala un cincuenta mil; David Fidalgo, con Lucus; e Bea Lema, con El cuerpo de Cristo.

A creación galega terá ademais un espazo propio en GZ_00, con cinco propostas que dan conta da diversidade do audiovisual contemporáneo que se fai no país: Moon Safari, de Hugo Amoedo Canal; Furada Negra, de Berio Molina; Broom Broom Follar, de SOHU; A voz de todas as cousas, de Dani Pérez; e A través, de Juan Lorenzo Loureiro.

A inauguración do FICBueu 2026 coa proxección de La jetée (1962), de Chris Marker, servirá para introducir outro dos grandes eixos desta edición. Trátase dunha das obras máis influentes da ciencia ficción experimental e un filme fundamental para comprender a capacidade da curtametraxe para transformar a linguaxe cinematográfica.