A libraría compostelá Numax gaña o Premio Librería Cultural 2026 por «vertebrar a identidade» galega

María Vila REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Villamarín e Olaia Tubío, libreiras de Numax
María Villamarín e Olaia Tubío, libreiras de Numax XOAN A. SOLER

Galicia introdúcese por primeira vez nun palmarés con 27 anos de traxectoria que recoñece a labor de dinamización cultural das librarías

04 nov 2026 . Actualizado a las 13:15 h.

A libraría Numax, en Santiago de Compostela, vén de recibir o Premio Librería Cultural 2026, outorgado pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Librerías (CEGAL) co apoio do Ministerio de Cultura. Un galardón que se entrega desde 1999 para recoñecer a labor de dinamización cultural e de difusión literaria que fan estes espazos. «Foi toda unha sorpresa recibir o premio», sinala Olaia Tubío (Rois, 1994) unha das libreiras detrás do mostrador xunto con María Villamarín (Xinzo de Limia, 1989) e Mariña de Toro (Santiago de Compostela, 1986). A sorpresa de Tubío está máis que xustificada, posto que a libraría saíu gañadora entre 39 establecementos de todo o país. Ademais, Numax preséntase a este galardón desde o 2018 e é a primeira vez que unha libraría galega gaña este premio. «É un recoñecemento a todos estes anos de traballo e a todo o proxecto que hai detrás», afirma pola súa parte María.

A libraría Numax botou a andar no 2015 como parte dunha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, a cal tamén integra unha sala de cinema e un laboratorio de deseño gráfico, desenvolvemento web e posprodución de vídeo. «O galardón tamén é un recoñecemento á economía social, a posibilidade de que un proxecto así sexa posible», afirma María.

Desde os seus 45 metros cadrados nun recuncho da cidade picheleira, Numax vai máis aló da venda de libros. O negocio caracterízase por unha axenda ateigada de presentacións literarias e actividades que «vertebran a identidade e territorio» galego, destacan desde o xurado do CEGAL. Outro dos valores de Numax é a súa capacidade de tecer unha rede social na cidade. «Temos unha comunidade moi sólida de abonados e clientes que veñen todas as semanas», destaca Olaia. «En Numax falamos moito de libros, pero tamén da vida en xeral», engade María. Ambas libreiras sinalan que este tecido social non o constrúen elas soas, senón que é intrínseco das pequenas librarías compostelás. «Para que a comunidade exista temos que traballar todas en conxunto. A nós encántanos recomendar librarías ou enviar aos clientes a outros negocios cando non temos o libro que queren», explica María sobre unha vida de barrio que resiste fronte a unha cidade dominada polos «modelos de negocio orientados ao turismo». «Pero a figura do turista está algo endiañada. Hai algúns que veñen aquí, teñen interese polo nosos espazos e son moi agradecidos», sinala Olaia.

Uns turistas aos que calquera das tres libreiras recibirá en galego. «Está dentro da miña normalidade», explica María, para quen o mundo e Numax débese concibir en galego, outro trazo que desde o CEGAL destacan. A libraría contempla unha forte normalización lingüística ao atender en galego e pór a literatura galega ao mesmo nivel que a producida noutras linguas. «Hai clientes que nos preguntan ‘onde están os libros en galego?' e nós dicímoslles que en todas partes», afirma María, posto que na fisionomía de Numax o galego ocupa o xénero que lle corresponde, sen xerarquizar as obras en función da lingua. A maiores, a libraría dá a coñecer a variedade literaria galega que non ten presenza a gran escala. «Hai moitas editoriais pequenas ou independentes en galego ás que lle damos maior importancia porque son o tecido máis feble da cadea», recoñece Olaia.

Sobre os 6.000 euros que lles outorga o Premio Librería Cultural, María e Olaia afirman que non farán grandes cousas con eles. «O día da entrega invitaremos a nosa xente a uns petiscos, pero servirá para pagar os nosos soldos», recoñece María. «O marxe de beneficio dunha libraría é baixo. Se un libro custa 20 euros nós quedámonos con seis, o 30 %. O custo é cada vez maior, o alugueiro do local, a luz...así que unha pequena festa cos nosos e ata aí a fantasía», afirma María sen quitarlle peso ao que supón este galardón para Numax.