Os Premios Palco eloxiaron na Sala Capitol este «labor invisible»
04 nov 2026 . Actualizado a las 09:33 h.Por unha noite, os Premios Palco fixeron que o foco deixase de apuntar aos músicos para dirixirse a todas as persoas que están detrás deles. Os que permiten que brillen nos escenarios, graven discos e desenvolvan carreiras de éxito. Como sinalou a presentadora do evento, a actriz Carlota Mosquera, «hai un saber facer moi compartimentado detrás dos artistas que frontean, un saber facer que é o que consegue que aos artistas lles luza o pelo». Onte o protagonismo foi dos que normalmente son secundarios do filme de música.
Na Sala Capitol de Santiago celebrouse todo o seu traballo nestes galardóns, herdeiros dos Premios da Industria Musical de Galicia, que se celebraran o ano pasado por primeira vez. Unha gala que puxo en valor o esforzo colectivo e mais o «bo facer desta labor invisible», algo que tamén resaltou durante a súa intervención a presidenta de AGEM, Patricia Hermida, ao recoñecer o papel fundamental de todos os profesionais que conforman a industria musical galega.
No apartado técnico e de produción, o premio ao mellor deseño de iluminación foi para Laura Iturralde e José Faro polo seu traballo en Gala i Ovidio, o proxecto de Aida Tarrío (Tanxugueiras) con Raül Refree. En canto á implementación de son, o galardón recaeu en Ricardo Barroso polo seu traballo con The Rapants. No ámbito de servizos e profesionais, Global Setup impúxose como mellor produción de servizos, mentres que Olalla Camaño foi recoñecida como mellor profesional de produción e Álvaro Creo (Off Stage) levou o galardón a mellor manager, posto que exerce bandas como The Rapants e 9Louro, entre outros.
O recoñecemento á mellor produción discográfica foi para Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras polo disco O cuarto das últimas. Na categoría de posta en escena, o galardón foi para As Dúas e Punto por Tertúlia (Fillas de Cassandra), e o premio ao mellor videoclip levárono Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane por Non sei como, de The Rapants. Ademais, a identidade visual premiada foi a de Zeltia Iglesias para Anfibia por veces, de Antía Muíño.
Nos apartados de promoción, eventos e espazos, Alberto Alfonso, de Art Music Agency, foi elixido mellor promotor ou programador, mentres que o festival EmigraSON —que se celebra cada ano en Bruxelas con música galega— acadou o galardón ao mellor proxecto de comunicación. Na categoría de mellor evento cultural triunfou a asociación cultural Fanto Fantini polo festival Osa do Mar, a Sala Rebullón destacou como mellor espazo musical e o festival Sinsal levou o recoñecemento ao mellor proxecto de sustentabilidade.
Os premios especiais, que xa se deran a coñecer nos días anteriores, tamén foron entregados onte. The Rapants quedaron referendados como artista do no 2026 e a Fundación Paideia como persoa do ano 2026, mentres que o premio á excelencia na experiencia do Público 2026 recaeu no festival Surfing The Lérez.
A gala foi a antesala das xornadas Palco, que empezan hoxe na Cidade da Cultura. Nelas haberá diferentes obradoiros, mesas redondas e presentacións de proxectos musicais. Unha charla sobre como preparar a música para cine, series e publicidade, impartida por Sergio Moure e Uxía Caride, inaugurará o día, que pola noite se ramificará en diferentes showcases en salas de Santiago. Capitol acollerá as actuacións de Lumedoloop (20.30 horas), High Paw (21.55) e Galician Army (23.10); no Salón Teatro actuarán Xan Campos (20.40), Raze (22.05) e Lisdexia (23.30); a Sala Sónar contará con Vimbio (21.00) e Apolo 18 (22.35), mentres que no Riquela Club tocarán Tona (21.30) e Maricarme (22.55).