«Repartimos os talonarios de rifas que sufragarán a festa»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Oito hostaleiros falecidos encabezan a lista dos posibles homenaxeados na festa do vindeiro 29 de xullo

25 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pese a que faltan cinco meses para a súa celebración, os membros da comisión organizadora da festividade de Santa Marta -a patrona dos hostaleiros- xa teñen prácticamente rematada a configuración do programa de actos.

-¿En que fase está agora o tema organizativo?

-Repartimos os talonarios de rifas que sufragarán a festa da Santa Marta. Fixemos catrocentos talonarios que irán a parar a algo máis de douscentos establecementos asociados. Hai membros da comisión organizadora que xa se quedan con catro ou cinco... E este ano, xa que estamos con crise, pois pensamos que nada mellor que sortear mil euros. Seguro que a quen lles toque lles virá moi ben.

-¿Para cando o sorteo?

-Será o 1 de agosto e o premio será para as últimas cifras que coincidan coa lotería nacional. Sin trampa, nin problema de ningún tipo, sin notario, nada... Todo claro e transparente.

-E, ¿canto custa o talonario?

-Son quince euros. Xa fixemos contas e cos que se vendan imos ter de abondo para os gastos que conleva esta festa. Música, fogo, misa... Entre os talonarios e o que se xunta no chigre que se pón no Montserrat ven sendo suficiente.

-¿Que novidades presentará esta nova edición?

-Será unha edición moi semellante ás anteriores. O que sí faremos será manter a cea que se fixo o ano pasado por primeira vez. Haberá comida e cea, que estará amenizada por unha orquestra e un dúo musical. Hai moita xente que non lle cae ben ao mediodía ir a comer á Carballeira do Montserrat e prefire facelo pola noite. Foi un éxito e imos manter as dúas convocatorias.

-¿A quen homenaxearán este ano?

-A día de hoxe non está pechado pero a lista é ben longa, ogallá que fora máis curta. Temos que falar cos familiares daqueles hostaleiros xa falecidos, prantexarlles a nosa idea e agardar a súa resposta. Agora mesmo encabezando a lista podemos ter unhas oito persoas aproximadamente. Maruxa do Mouriño, Bernabé onde lembro que se comían galletas e bebían chatos de Sanson, a pensión de Darío, á de Abeledo, a Maragota, o Astronauta ou Eliseo o pulpeiro de Anzo... Calquera deles pode ser homenaxeado nesta vindeira edición.

-Sempre se trata de homenaxes a título póstumo...

-Así figura nas bases. E mira, non é de Lalín, pero acabamos de sentir de verdade o pasamento de Rubén Sánchez de Rodeiro. Era moi amigo de colaborar en todo o que se lle pedira e tamén para as festas patronais de Lalín.