Soutelo seguirá tendo sanidade

A alcaldesa forcaricense sae ao paso das críticas do PSOE


Levo varios días saíndo ao paso e repetindo, ante as dúbidas alarmistas que está sementando o grupo municipal do PSOE de Forcarei, que o centro médico de Soutelo de Montes vai seguir aberto, funcionando e atendendo aos veciños. E vouno deixar claro unha vez máis, non me cansarei de facelo, en resposta a un artigo dos socialistas do pasado domingo. Os veciños merecen esta total claridade ante un infundio do PSOE local que xa comezou a recuar nesta recente opinión.

“A única verdade que di é que o centro non vai pechar nin hoxe nin mañá, pero non sabemos o que pasará a medio prazo”, sinalan textualmente os socialistas. Al fin o admiten. Pero facía falta unha semana de rebumbio e de fomentar a preocupación cidadá para chegar a esta conclusión? Eu tampouco adiviño o que pasará a medio prazo, pero sei que o ambulatorio de Soutelo vai funcionar moitos anos, así que non chego a entender porque armaron toda esta lea.

Lamentan que os acuse de alarmismo e demagoxia, pero é que non atopo outros termos, e din que trato de facelos calar. Nada máis lonxe da realidade, quero que falen, que propoñan, pero desafortunadamente non o fan. Pouco máis dunha decena de pequenas propostas e queixas fixeron durante todo o ano pasado sendo o principal grupo da oposición. Por desgraza, só asoman cando xurde algún pequeno problema, algún traslado ou cambio nun servizo público. E non se lles albisca nunca nin un chisco de apoio ao goberno nin de responsabilidade con este pobo.

Está desmantelado o servizo de Correos en Soutelo como anunciaron hai anos? Vense obrigados os veciños a ir ao hospital de Santiago, como lamentaron coa reformulación das áreas sanitarias, ou seguen indo a Pontevedra? Non se está a construír a ponte da Freixera malia que a paralizaron recentemente só vostedes na súa imaxinación?

Pois neste caso volvemos á mesma teima. O centro de saúde de Soutelo está inmerso nunha reordenación de recursos e persoal. É certo. Díxeno dende o primeiro momento. Débese a que, efectivamente, a ratio de cartillas é baixa en comparación con outros ambulatorios e as administracións públicas, neste caso a Consellería de Sanidade, deben optimizar e facer eficientes os servizos cuns recursos económicos que non son interminables. Pero nunca se falou do seu peche e alégrome de que xa o admitan no seu artigo

E unha cousa para rematar. Se algunha vez se pon en dúbida a continuidade deste centro médico, eu e o meu goberno seremos os primeiros en defendelo.

Votación
6 votos

Soutelo seguirá tendo sanidade