Máis ensaios na nova andaina da Escola de Música de Vilatuxe

amelia ferreiroa

DEZA

rober amado

A presentación da nova tempada levarase a cabo o vindeiro 7 de outubro no auditorio

21 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola de Música de Vilatuxe ultimou o programa de traballo para este vindeiro curso que se presenta con algunha novidade puntual respecto do anterior, malia que no groso non sufrirá variacións «xa que cando algo funciona ben non precisa de cambios», segundo precisou o presidente da banda Alberto Blanco.

Un volume de alumnado que se prevé sexa moi semellante ao do pasado exercicio, entre 60 e 70 alumnos, malia que os responsables da escola agardan superar esas cifras. «É importante sumar novos alumnos que son os músicos do futuro e aí está a continuidade das nosas bandas», puntualizou Blanco que anunciou a posibilidade de ensaiar un día máis á semán. A razón hai que buscala precisamente na cantidade de rapaces que acoden á escola. «Os ensaios son os venres e sábados pero resulta difícil atender a todos polo que barallamos poñer un día máis». Clases que voltarán a celebrarse no auditorio e noutros espazos auxiliares «xa que as instalacións se nos quedan pequenas polo que tentaremos contar con algunha aula que nos poidan ceder no colexio».

A escola abriu a matrícula para o vindeiro curso no que se ofertan as ensinanzas de percusión, saxofón, oboe, trompeta, frauta traveseira, tuba, fagot, gaita, trombón, linguaxe musical, clarinete, trompa, bombardino e coro. En canto á presentación desta nova tempada, que se presenta con moitos proxectos, será o 7 de outubro ás 19,30 horas no Auditorio de Vilatuxe. Pechada está xa a participación da Banda Xuvenil no certame galego de bandas en novembro e a posibilidade de que a banda de maiores teña unha saída fóra de Galicia. «Non está pechado xa que os gastos lastran determinados proxectos».