MULLER

David Otero

DEZA

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Indo a domingo celebramos o día da non violencia de xénero. Un día con acento de maior intensidade (e para todos os días do anos) a unha realidade de carencia de equidade cara á muller. Muller que padece a acción do patriarcado establecido como institución case que universal, o cal estableceu a superioridade do home sobre da muller e manipulou claramente o que se entende por amor, e deformouno, usándoo como xeito de obter traballo non pagado. A ese traballo non pagado chamóuselle amor como servizo persoal. O matrimonio, a parella, significa para a muller como tomar un emprego. O amor romántico onde as vidas se funden fano na vontade do home. Contra iso hai que loitar intensamente, pois dese amor malentendido, e doutras cousas máis, xorde a violencia activa e pasiva, xa que o home crese dono e señor da muller. De posesión plena e incontestable.

E neste sentir do día da non violencia de xénero, tamén convén poñer atención na mocidade. Nesa moza á que por non dar o brazo a torcer, o machote, entre outras lindezas, lle chama puta, filla de puta, malfollada e fea. Esa moza que, sendo dona e señora do seu corpo, non se deixa meter man, nin por riba, nin por debaixo, nin polo medio. Esa que non se sente un anaco de carne. Esa á que o machote lle di estirada porque non fai o que a el lle peta e que por moito que el lle berre, ela non cala. E así, pouco a pouco por desgraza, o medo xa comeza a pasalo el.

Por iso e sempre, a muller debe notar que non está soa, que é compañeira e amiga e que ten a responsabilidade de empoderarse. Entón non bastan os titulares do día (que non sobran) pero hai que mollarse máis. Máis recursos. Pois o papel dos carteis pode mollarse.