A Laurentino Puente Prieto, meu sogro

Xosé Luna IN MEMORIAM

DEZA

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pai. Pai só hai un. O pai é o principio. A alfa. A lúa. O mar. O vento. A montaña. O río. O ceo. O sol. A sombra protectora do carballo centenario. A memoria imperecedoira. O piar. A torre románica do noso pequeno universo vital. O Pai fala e as súas palabras póusanse engordiñas sobre nós coa frescura e anchura da verdade. Pai heroe. A persoa máis sabia do mundo aínda que non saiba ler nin escribir.

O pai. A forza. A loita. A maxia, é quen de adiantar a primavera por un sorriso na nosa faciana. Pai artista. Tallando con infinda paciencia a forma, o sentido, o significado do amor.

O pai. O que está sempre ao noso carón. Aberto as 24 horas do día, dende a alba ata o amañecer, incondicionalmente, sen pedir nada a cambio.

O pai. Tres letras marabillosas, únicas, irrepetibles. Un día cres que marchou para non volver, pero estás equivocada, non é así. Un pai non marcha nunca xamais. O Pai, a luz que nos ilumina na estrada cada día ao longo e ancho da nosa vida.