Un mundo quentiño

La Voz

DEZA

17 ene 2019 . Actualizado a las 16:51 h.

É hora de ler. Hai que escorrentar o frío, enfatiza a mestra. Tras as fiestras da miña escola resoan con forza as voces dos pereiriños.

Soletrean letras, brincan coas palabras, recitan versos, cantan estrofas, mergúllanse nos debuxos, dramatizan poemas. A ledicia de vivir.

Entre as súas mans acariñan todo un mundo estendido aos seus pés. Un doce de amorodo e mel. Un saír a estrear o amencer. Un faro de estrelas co que poder soñar mares e ceos por descubrir.

Técesme un abrigo de caricias coas túas mans. Póñoo para saír ao mundo, é tan quentiño que non preciso máis, nin sequera abro o paraugas cando empeza a chover. Se chove, gárdome nel.

Velaí a grandeza da estrada da vida, o camiño por percorrer. Velaí tamén a inmensidade de «Un mundo quentiño» (Ed. Fervenza, 2018) un galano para os sentidos da poeta Mónica Inés Varela Gestoso, enfeitizado pola maxia creativa das formas e cores de Amalia López Brea, “Luchi”.

Un poemario envolto na musicalidade dunha escrita que arriba mainiño ata o epicentro do corazón. Un libro que nos amosa a marabilla do cotiá, a quentura, o sosego, a tranquilidade desas pequenas (á vez que infindas) cousiñas que arelamos para construír entre todas e todos «Un mundo quentiño».