Facer o amor

Javier Hita

DEZA

12 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De xeito recorrente, sae cada pouco nas noticias como o interior de Galicia vai perdendo poboación, quedando moitas aldeas como a casca dunha morta vacaloura, aínda en pé pero sen vida; aldeas moi boas para visitar en vacacións e pasear polas románticas e evocadoras ruínas do pasado, pero un inferno para aqueles resilientes que quedan abandonados á súa sorte, coma protagonistas da novela La lluvia amarilla de Julio Llamazares, transformándose cada día nun espellismo de seres humáns.

Case todas as diagnoses para atallar este mal orbitan ao redor dunha idea moi sinxela: «Como facer para que dean os cartos». E cando se afía o lapis, a xente chega á conclusión de que só marchando fóra a cousa pode mellorar.

O da despoboación do «rural» non é algo novo nin exclusivo de Lalín, polo que se ten tratado en gran cantidade de estudos e fanse plans con remedos paliativos para evitalo. Visto que a vertente economicista non semella dar resultados, ao mellor debemos incluír máis variables na ecuación. E aquí vai o órdago: en Lalín a xente non sabe facer o amor.

Puntualicemos. Non acuso a Lalín de torpeza amatoria, cando menos non na mecánica dos corpos, xa que cadaquén terá que apandar coas súas habilidades, podendo ser meritorias ou esquecibles. E en todo caso, algo que só é reseñable no ámbito privado. Debemos aprender a saír e liberarnos da tiranía romántica e heteronormativa para abrirnos á diversidade e aínda que existen iniciativas de visibilización e normalización como a Festa do Orgullo de Lalín, as nosas torpezas maniféstanse facendo difícil a vida a aqueles que por non ser perfectos heterosexuais teñen que carretar coas chanzas e as miradas inquisitoriais. Por outra banda, hai persoas que prefiren emigrar antes que madurar e superar os desenganos dos primeiros amores e aturar verlle a cara a cada pouco aos receptáculos das paixóns extintas. Moita xente nova asfixia en Lalín cando sente a presión do control e a falta de opcións afectivas e sexuais, soñando paraísos de liberdade onde o anonimato lle permita vivir sen render contas á familia.

Para medrar como pobo e non acabar na cuneta da historia, Lalín, ao mesmo que o resto do rural, vai necesitar algo máis que emprego; vai facer falta moita xente que lle faga o amor á nosa terra, pois temos o privilexio de vivir nunha contorna única, cunha riqueza natural, paisaxística, cultural e gastronómica que ben merece ser amada en vez de fodida. Malia que para fodela sempre haberá quen proxecte eucaliptizar o territorio, arrasar fragas, instalar empresas contaminantes ou ametrallar raposos.