Os tempos son chegados

Javier Hita

DEZA

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana tiven a sorte de ler Los últimos días de un inmortal. Un cómic de ciencia ficción ilustrado e guionizado por Gwen de Bonneval e Fabien Vehlmann. A súa lectura cautivoume polo debuxo sinxelo e ben secuencializado, os diálogos intelixentes e sobre todo a elegancia que agroma da obra. Ellijah, o protagonista, traballa como policía filosófico, investigando conflitos entre seres de distintos planetas debidos a erros comunicativos e interpretacións emocionais defectuosas. Neste universo de racionalidade desapaixoada, Ellijah ten que mediar para resolver o larvado conflito que enfrenta ao pobo dos Aleph e aos Ganedones, ameazando con sumir á «Comunidade Universal»nunha espiral de odio. Ellijah sérvese da empatía e a intelixencia para resolver estas loitas nun universo onde as distintas civilizacions deben entenderse entre si.

Este tipo de literatura Ci-Fi ten como clave a distancia social e tecnolóxica, que permite ao lector mergullarse na ilusión de liberdade, nun universo libre das mesquiñas limitacións da nosa época. Esta percepción da distancia increméntase máis estes días nos que dá comezo a campaña electoral. A case ninguén lle pasa por alto, e menos aos actores da contienda, que conforme se achega a data para depositar o sobre no peto de metacrilato, iso chamado política adoita coller forma de espectáculo para masas. Os candidatos e candidatas conciéncianse da existencia do electorado, reúnense con asociacións veciñais, culturais, cooperativas… e pensan que é bo momento para facer promesas ou pedir preitesías. Ao contrario que no cómic antes citado, onde o protagonista se pon na pel dos demáis para axudar ás partes en conflicto aquí xogamos, como electorado infantilizado que somos, a promover o descoñecemento e ridiculización de calquera opinión que non sexa a nosa. Prefirindo creernos os máis listos do mundo, porque consumimos ou producimos GIFs, videos e fotos para trolear a discreción. A política xa non é tal, é unha obra teatral onde prima a emocionalidade fronte aos argumentos e os fake news fronte a verdade.

Case esquezo comentar a existencia doutro subxénero, a sua distancia coa realidade estase acortando perigosamente. Chámase Ciencia Ficción Distópica, a serie O conto da criada da escritora canadiense Margaret Atwood, Children of Men de Alfonso Cuarón ou V de vendetta de Alan Moore son exemplos de distopías cada día máis próximas. Estará da nosa man manter a separación necesaria entre a ficción e a realidade.