Agradecemento a Lara Rodríguez

La Voz

DEZA

15 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é un día triste para nós. Despois de catro anos dun goberno que, con máis acertos que erros, foi capaz de amosar o camiño cara unha xestión democrática, os vellos tempos asoman de novo.

Destes catro anos de aire fresco, queremos destacar a figura dunha muller imprescindible, Lara Rodríguez Peña.

Como concelleira de Cultura e cun orzamento moi limitado, conseguiu achegar a Lalín, capital do inmobilismo cultural institucional, unha programación variada e transformadora, dándolle protagonismo á creación local e aos espazos comunitarios, a carón do tecido asociativo.

O seu traballo non se limitou á xestión. Ademáis das tarefas asociadas á concellería, actuou como técnica, administrativa, cando non directamente como man de obra. Non dubidou en transportar e colocar sillas para os concertos das bandas, abrindo e pechando espazos en fin de semana, ou participando directamente no traslado da vella á nova biblioteca, ... Traballo e tempo desinteresado e impagable que fixo lonxe da búsqueda de calquera rédito persoal e mediático.

Conciliar presión e discreción

Dentro do goberno tivo que traballar sempre conciliando o facer presión dende dentro coa mesura e discreción cara a fóra, ante uns medios sempre dispostos a presentala como elemento desestabilizador do goberno cando xurdían necesarias e saudables discrepancias.

Lara é ademáis a primeira muller candidata á alcaldía na historia de Lalín. Aínda que na superficie calquera tempo pasado puidera ser peor, e a pesares da capacidade, solvencia e intelixencia demostrada, ser muller, nova e dilixente puideron ser de novo un lastre insalvable. A xente non viu a gran alcaldesa que vemos nós. Debemos asumir a crítica e loitar por mellorar para que isto cambie.

Como compañeiras de viaxe, por dar voz, poñer a cara e sufrir e padecer na túa persoa as reaccións de accións e decisións que pertencían á Plataforma, estarémosche sempre agradecidas.

Por todo o feito e por todo o que loitaches: Grazas, Lara!

Hoxe Lalín perde un pouco de luz.

Compañeiras e compañeiros da PAC.