Deshabitados

Xosé Luna

DEZA

18 sep 2019 . Actualizado a las 13:35 h.

Deshabitados, a exposición fotográfica da xove creadora estradense, Antía Expósito Guerrero é todo un dédalo de emocións que non deixa a ninguén indiferente.

Vinte e sete imaxes que amosan a profundidade do abandono, o silencio denso do deshabitado. Antía, cámara en man, tira fotografías procurando apreixar o último alento, buscando que nos mergullemos nun labirinto de ruínas, os recunchos sombrizos do esquecemento.

A voaxa suspendida nun ar mesto, denso, melancólico. O pouso baleiro dos vasos. As edras nas paredes. Unha maleta nunha piscina. A Torre de Guimarei, o psiquiátrico de Toén, unha casa abandonada en Codeseda...

Velaí unha ollada que percorre, nunha cadencia mol, as vairas da ausencia mais tamén, bisbándonos no corazón, unha mirada reivindicativa que arela a reconstrución da memoria.

En fin, boa realización, autenticidade e unha infinda capacidade poética. Deshabitados é todo un poema que ecoa contra o pranto do vento, os ecos das nosas pegadas na estrada da Vida.

Mil parabéns, Antía.