Olimpio Arca

David Otero

DEZA

25 nov 2019 . Actualizado a las 21:11 h.

Fanse catro anos do falecemento do mestre Don Olimpio Arca (e que marabilloso é dicilo así, mestre, que iso é sermos plenamente modernos). Na súa tarefa de todos os días, educador do rural e no rural, militou na vida. Quixo a nosa (súa) lingua

e así a quen a tiñan de por súa e a usaban. Coa palabra el moi ben pintaba o (noso) mundo. Sempre confiou na capacidade de falar e moi especialmente co seu alumnado, a quen en cada momento e tempo lle activaba un reloxo de andar que os poñía nas horas de comprensión e asemade nas de expresar o que levaban dentro e o que collían e apañaban do seu pobo e da nosa Cultura e Ciencia. Colocábaos (a estímulo) no saír á conquista e na axuda como persoas na travesía buscaban ciencia, logo avaliaban á chegada o rianxo que traían dentro súa. Velaí as aprendizaxes que xorden e derivan das experiencias vitais do e no entorno para irmos á universalidade. Tiñan ideas. Todas e todos sabían (de sabor e gusto) da riqueza das esperanzas. O amor polo saber nunha educación que se volve desexable. Que fermoso foi para el ensinar a pensar, pois iso non é doado, mesmo por veces asusta, porque implica cuestionar ata o que un mesmo é vendo as desigualdades. E si que as vían. Por iso Don Olimpio quería que desde a escola pública se puidese avanzar nun sistema adaptado ao medio no que se desenvolvía, o rural, e que se traballase para que a aplicación dese sistema fose inclusivo, equitativo e non segredador.

Dentro das moitas tarefas e propostas , mesmo ata consideradas transversais, o teatro foi unha moi importante. Don Olimpio constituiu un dos precursores do teatro escolar galego. Teatro como expresión global de quen somos e como somos. Sempre na Lingua (a Galega) e sempre no contexto noso cultural. As súas aportacións son exemplares e así debemos consideralas como referentes de creatividade e de posibilidades pedagóxicas para desenvolver na nosa contemporaneidade. Polo mundo da marabillosa expresividade Don Olimpio buscou sempre que se exercese o pensamento crítico. Mediou a que as ideas intentasen explicar e transformar a realidade. El marcaba aquel dicir «… ese gusto agredoce que levamos a sabor de nenez, que te fai pensar quen es e porque así, serao sempre?».