Fernández: «Alguén tiña que coller a Empanada, non podía morrer»

amelia ferreiroa

DEZA

miguel souto

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova directiva da Asociación de Amigos da Empanada da Bandeira, elexida o pasado sábado, e que encabeza Teresa Fernández xa está traballando na primeira actividade que lle tocará organizar: o Entroido. Unha cita que se materializará o 22 de febreiro e que pretende ser, segundo a presidenta, «un acto moi participativo e divertido ao que veña tanto xente nova coma aqueles que xa trotaron moito». Prometen traballo e facelo o mellor posible, salienta a menos dunha semana de estrearse no cargo. O que non lle cabe dúbida é que a festa non podía acabarse e a asociación tiña que continuar. «Alguén tiña que coller a Empanada, non podía morrer despois de tantos anos de actividade».

Un festexo que vai camiñando paseniñamente cara ao seu 50 aniversario. «Dentro de tres anos celebrarase esa data tan importante e non se podía obviar o traballo que fixeron tantas persoas para levala aí onde está». O que non sobran, comenta Teresa, son máis persoas que se queiran sumar á directiva. «Somos só catro persoas e necesitamos xente que nos axude. Moitos din que colaborarán no que faga falla pero entrar na xunta directiva xa é outra cousa». O motivo pode deberse a que xa pasaron pola asociación a maior parte da veciñanza da localidade, «e algúns puideron quedar queimados pola falta de respaldo dalgúns colectivos pero sen xente non se poden facer as cousas».

A actual presidenta parabeniza o traballo da anterior comisión que fixo o Entroido, San Cristovo, Entroido de Verán e Festa da Empanada pero advirte que «nós non poderemos facer tantas cousas por estarmos apretados de tempo e de xente pero intentaremos facer unhas festas o máis dignas posibles e tradicionais, como se fixeron sempre».