As clases de música e baile tradicional na fervenza de Ouzande volven en setembro

La Voz LALÍN/ LA VOZ

DEZA

08 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de meses paralizada por culpa da pandemia de covid-19, a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande anuncia a súa intención de recuperar a súa oferta de actividades en setembro. Valorando a situación da nova normalidade e desexando reactivar a dinamización da parroquia, a directiva está disposta a iniciar de novo as clases de música e baile se acadan un mínimo de participación. Para poder desenvolvelas sen incidencias, a asociación apela á responsabilidade social e individual. Pola súa parte, propón grupos reducidos e un incremento nas medidas hixiénicas e de seguridade.

Así, os sábados pola mañá, haberá clases de gaita e percusión con Noelia Bouzón; pola tarde, de pandeireta con Silvia Martínez, que tamén levará ás de baile pola noitiña; finalmente, Miguel Ponte dará as clases de canto tradicional os martes pola noite. Os interesados en participar poden poñerse en contacto co correo da asociación: carreirosouzande@gmail.com