Sabucedo, a natureza salvaxe

Anxo Cabada Álvarez

DEZA

03 jul 2021 . Actualizado a las 13:27 h.

Hai uns anos viaxei por África, non hai como viaxar para entender mellor o que hai na casa, vín a migración dós ñus, e unha chea de animales en liberdade, a terra cando sigue sendo terra.. e foi aí, onde entendín o meu nerviosismo de pequeno cando chegaba a Rapa e sentía a liberdade das nosas bestas.

Coincidían os exames finais de estudante coa chegada dos cabalos, o terceiro domingo de xuño e non había maneira de estudar, no maxín só había cabalos…

Nacer en Sabucedo é un privilexio da natureza, medrar entre cabalos salvaxes é unha maneira de estar xunguido a terra.

Agora chega o tempo da Rapa, este ano retrasada ate finais de agosto pola pandemia, e voltamos a estar nerviosos, a rapazada e a mocedade de Sabucedo quere subir ó monte e correr detrás das eguas, escoitar os seus rinchos, sentirse parte desa natureza salvaxe.

O monte de Sabucedo, como tamén outros montes onde hai cabalos, foi cambiando, antes as súas xentes sabían onde estaban as greas e as súas eguas, que axudaban a manter unha mínima economía, todas as familias de Sabucedo e os pobos dos arredores, Quireza, Codeseda, Souto, Montillón, tiñan os seus cabalos, e cada ano poñíanlle as súas marcas. Hoxe coma todo o agro galego, a xente xa non traballa na aldea, e foise perdendo esa tradición.

Pero os cabalos seguiron no monte, con moitas dificultades, os mellores pastos foron para ó gando vacún, peches de veigas, denuncias por accidentes, roubos de poldros, fame, incendios…, a cabaña equina baixou a metade e cun peligro moi grande de desaparición.

Fíxose un novo curro a principios dos anos noventa, e a Rapa das Bestas de Sabucedo, convertíuse nun reclamo turístico de primeira orde, mais de douscentos xornalistas chegan o curro, e o día seguinte as imaxes de Sabucedo enchen as primeiras portadas de xornais e redes sociais de todo o mundo, un fenómeno mediático coma o Camiño de Santiago.

Pero non todo é de balde, a Asociación da Rapa de Sabucedo traballa arreo, sen descanso, tentando de manter as bestas no monte, controlando e defendendo as greas de todos os peligros, cun esforzo moi grande, e consiguen que toda a mocedade de Sabucedo siga implicada na defensa da tradición e da presenza dos cabalos no monte, unha seña de identidade que resiste o paso do tempo nesa Galicia interior cada vez máis abandoada.

O turismo verde é o turismo do futuro, a presenza dos cabalos salvaxes en Sabucedo e noutros montes de Galicia, é unha alfaia que non podemos perder.

Hoxe a chegada dos parques eólicos sen control, a escasa preocupación dos poderes institucionais pola preservación desta imaxe de liberdade, tennos que facer reaccionar. Cando noutros sitios co lince ibérico ou co oso pardo fanse grandes programas de conservación, aquí somentes depende da boa vontade das persoas que loitan contra a súa desaparición, sen axudas e sen ningún tipo de apoio.

Non podemos perder os nosos cabalos e as nosas eguas nos montes galegos, non podemos deixar para a memoria a súa presenza, temos que defender a terra para que siga sendo terra, para que eses rinchos dos nosos cabalos sigan alumeando os soños da nosa infancia presente e futura, temos que defender a nosa natureza salvaxe.