Lucía Nercellas, de Avipor Silleda: "ningún produtor é gustoso subir os prezos para sobrevivir"

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Considera que o sector primario ten coñecementos para preservar o medio ambiente

18 jun 2022 . Actualizado a las 13:40 h.

Forma parte. Da empresa familiar, que foi fundada polos seus pais, a finais dos anos 60.

Cursou. Os ciclos superiores de Comercio e Marketing, e de Secretariado. Posúe un Grao de Relacións Laborais e obtivo a Certificación Internacional en Coaching Persoal e Empresarial.

Precisou dunha longa pensada, e ver as cousas ben claras antes de embarcarse na empresa familiar. A silledense Lucía Nercellas Torres iniciou os estudos no seu pobo, e despois de cursar o bacharelato decidiu irse polas ramas de Comercio, Secretariado e Relacións Laborais. Actualmente é administrativa de Avipor Silleda S.L., empresa que foi fundada polos seus pais no ano 1968 con outro nome, que foi continuada polos seus irmáns e á que se incorporaron máis recentemente ela e a súa sobriña.

—Necesitou entón dun certo tempo antes de franquear a porta da empresa da familia.

—O certo é que non souben a que me quería dedicar ata que vin claro, cando empecei a botar unha man na empresa, que a miña verdadeira vocación é a familia. O feito de axudar e sacar as cousas para adiante motívame moito.

—A que se dedican dende Avipor Silleda?

—A empresa dedícase á produción primaria avícola e porcina. Contamos con granxas de galiñas campeiras e de xaula, comercializamos o ovo, e tamén contamos con produción de porco; que vai desde a inseminación de porcas ata o final de ciclo de porco cebado. Como dicía Avipor é unha empresa familiar na que tiramos todos do mesmo carro xunto con outras 26 persoas máis.

—Cales son os grandes retos que se presentan?

—Dende o meu punto de vista temos por diante dous retos que considero son os máis importantes, como o sanitario entre outros, pero tamén o económico pola pronunciada subida de custos, así como o medioambiental. No apartado económico, imaxino que como lle pasa ao resto de sectores estes tempos están sendo moi difíciles; e para o sector primario están a ser moi complicados pola estreita marxe que temos: para ningún produtor é gustoso ter que subir os prezos para poder sobrevivir, podo aseguralo, pero non queda outra saída. En canto á cuestión medioambiental, é un desafío importante porque todo o sector está facendo grandísimos esforzos, e ás veces dá a sensación de que estamos estigmatizados socialmente por este motivo. Sen embargo considero que somos os primeiros interesados, e ademais temos o coñecemento necesario de como preservar o medio ambiente. Vivimos no rural e do rural, e sabemos de primeira man como facelo.

—Falaba do esforzo que está supoñendo manterse debido aos prezos e ás estreitas marxes, pero a maiores escoitamos a cotío voces dicindo que é dificultoso atopar traballadores cualificados para o sector. Que hai de certo nesa afirmación?

—Bueno respecto da falta de traballadores, a dificultade xa non radica só en atopar empregados cualificados senón persoas que queiran traballar no sector con responsabilidade, interese e ganas de aprender. Creo que non é algo que nos afecte só a nós, ao noso sector, senón que é un problema xeneralizado. Quizais teña algo que ver coa falta de recoñecemento cara a sectores que penso que son estratéxicos, como é a gandería e a agricultura, que mencionaba con anterioridade.

—A Asociación de Empresarios do Deza (AED) acaba de renovar directiva, e acaba de incorporarse á mesma. Tentará darlle un pouco máis de visibilidade ao sector?

—Penso que o sector de por si xa ten visibilidade. Entendo que o que precisa realmente é un recoñecemento por parte da sociedade pero tamén das administracións. Dende a Asociación de Empresarios do Deza tentarei poñer un grao de area en pro da gandería e á agricultura para darlle todo o valor que creo que se merecen.

«O proxecto de futuro é enaltecer o noso labor na cadea alimentaria e na sociedade»

Lucía Nercellas gusta falar das excelencias que ten o sector primario; con especial protagonismo para o comarcal que é o que mellor coñece.

—Pero é suficientemente recoñecido, a pesar de que é un dos eixos importantes en Galicia e na comarca?

—Penso que é importante concienciar á sociedade en xeral de que ter un sector primario potente na comarca é un auténtico privilexio. O que temos que facer é coidalo, valoralo e tamén conservalo nas mellores condicións posibles. Aí hai aínda traballo por realizar.

—Os anos de pandemia pasaron factura en todos os ámbitos, que foi o máis complexo en porcino e avicultura?

—Os momentos de encerro foron duros pola tensión contínua día tras día. No sector gandeiro entendemos perfectamente o que hai que facer a novel biosanitario, polo tanto, aí estabamos minimamente preparados. Ademais nós non paramos de traballar en ningún momento. Os animais hai que seguir atendéndoos sempre, pase o que pase igual que a xente ten que seguir comendo, ocorra o que ocorra, e para iso estamos nós. Creo que iso se puido comprobar ao longo desta longa pandemia.

—Como ve o horizonte de futuro deses sectores?

—Na miña opinión o proxecto de futuro que ten todo o sector primario é enaltecer o seu labor na cadea alimentaria e na sociedade. Probablemente teñamos que adaptarnos aos novos tempos que veñan, pero deberiamos ter sempre un faro moi claro: o noso traballo aporta algo imprescindible a toda a sociedade e é ese alimento de cercanía e de máxima calidade. Iso é o que hai que remachar e intentar que a sociedade sexa consciente do traballo que facemos día a día, todas as xornadas do ano.