«Temos un ano por diante para levantar a Feira como sexa»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

O xerente do recinto feiral recoñece que hai que buscar ideas para relanzar un certame cada ano máis pobre

26 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira do Moble que acaba de rematar na Estrada tivo este ano menos público e peores críticas. O propio xerente da Fundación de Exposicións e Congresos recoñece que os resultados non son os agardados.

-Agora que hai venda de entradas poderanse concretar as cifras, ¿canta xente visitou a Feira do Moble este ano?

-Unhas 11.000 persoas, 300 ou 400 menos ca o ano pasado. O mellor día foi o domingo 17, con 2.900 persoas, pero para o domingo de peche esperabamos máis e foron sobre 2.000.

-¿Non ten datos exactos?

-Agora mesmo non, pero anda nesas cifras.

-¿A que atribúe esa baixa?

-O domingo penso que tivo algo que ver a choiva. A xente non se animou. Pero tamén é certo que á feira hai que darlle un cambio.

-Os visitantes aparcaban ás portas ¿Van volver aqueles tempos nos que había que deixar o coche en Figueiroa?

-Aqueles tempos non van volver de momento, pero tamén quero dicir algo: somos a única feira do moble de Galicia que sigue en pé. As outras foron caendo. Se nós aguantamos será por algo. Incluso a nivel nacional, a feira de Valencia, que é o referente, este ano volve a habela, pero estivo varias edicións sen celebrarse.

-¿Pode ter algo que ver o cobro da entrada co descenso de visitantes?

-Non. Cobrar un euro non afecta negativamente para nada. Este ano cobrouse en todos os eventos do recinto e non repercutiu para nada. Na feira de coches de ocasión incluso melloramos as cifras de visitantes a pesar de cobrar entrada. O euro que se cobrou non inflúe para que veñan 300 ou 400 persoas menos. O que pasa é que tamén hai sectores que tiran máis ca outros...

-Moitos visitantes saíron coa sensación de ter visto pouco moble...

-Había máis ou menos o mesmo número de mobleiros ca outros anos, pero esta vez quizás trouxeron máis sofás e colchóns e menos moble. É o que están vendendo nas tendas e é o que quixeron expoñer. Incluso dúas firmas que o ano pasado viñan con mobles este ano trouxeron maioritariamente sofás e colchóns. Contra iso pouco podemos facer. Nós non podermos esixir que se traia un tipo determinado de moble. O ano pasado xa se vía por onde ían os tiros e este ano a tendencia acentuouse máis.

-¿E que se pode facer para mellorar?

-O día despois non imos ter a solución ideal. Eu non teño a variña máxica, pero está claro que hai que pegarlle á feira un cambio total. Temos fabricantes que fan moble a medida e deseños particulares máis alá do moble seriado... Hai que ver onde se falla e volver poñer a feira no seu sitio. Temos un ano por diante para levantar a Feira como sexa.

-¿Hai posibilidades reais de relanzar a feira?

-Non se pode tirar con 31 anos de historia sen intentalo. Hai que darlle as voltas que faga falta e loitar para que a feira non desapareza. Non imos tirar a toalla.

«Hai que cambiar a tónica: para que funcione todos os mobleiros locais teñen que implicarse»

Un dos aspectos máis rechamantes da última edición da Feira do Moble foi a escasa presenza de fabricantes locais. Nunha mostra para ensalzar o produto local, apenas houbo representación estradense.

-¿Ten sentido facer unha feira sen apenas fabricantes locais?

-Moitos non viñeron por un exceso de traballo que lles impedía atender as dúas cousas. Ou iso foi o que me trasladaron a min. Pero hai que cambiar esa tónica. Hai que relanzar a feira entre todos, a base de reunións, de propoñer ideas... Entre todos os mobleiros do concello. E volvo repetir: todos, non cinco ou seis.

-Algúns consideran que o prezo do metro é caro.

-Este ano rebaixouse dous euros o prezo por metro. Seguiremos traballando nese sentido.

-¿Que sensacións lle trasladaron os expositores ó remate deste certame?

-Simplemente houbo menos xente que o ano pasado, pero moitos expositores están contentos. Algúns incluso xa deixaron reservado espazo para a Feira do Moble do ano que vén. En todo caso, ímoslle dar unha volta a todo para volver a poñer a cousa a funcionar.