Na memoria de Tato, aloitador valente e soñador

Asociación Rapa das Bestas

A ESTRADA

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 2018 está sendo difícil para veciños e aloitadores de Sabucedo. Esta semana, cando aínnda as bágoas non secaran, o noso querido Juan Carlos Neira Obelleiro Tato faleceu a idade de 49 anos. DEP.

Foi un neno, que axiña destacou por valente, traste, imaxinativo, intrépido, desprendido e un pouco canalla. Deitar xestas en Pepino Botana, era seu entretemento preferido, así como as batallas de espadas entre a aldea de Arriba e a de Baixo, o basquet, as chourizadas nocturnas e as rutas en bicicleta.

Atraíalle o prohibido, era un reto irresistible, abalábamos ameixas na de Aída, recolectábamos as fresas do Migheciño e as castañas de Barreiro. «Era tal a fama de traste que aínda que non cometese falta algunha, era culpado igualmente», comentaba súa nai María con resignación.

As primeiras aventuras «Donjuanescas» omezaron con longas viaxes en bicicleta xunto co seu amigo Michel. Pedaleando ata Cuiña, onde tiñan seus amores.

As saídas verbeneiras foron no Seat 127 de Jaime de Amparo, camiño da Canicouva, ia xunto con Berto e Juan de Elia O Abuelo de xeito habitual.

Un día chamárono a filas. Apuntouse as COES (Operacións Especiais), esto influille ata o punto que decidiu durmir no balcón da súa casa durante un ano enteiro ,chovera ou nevara, para escándalo das veciñas, que cada mañá miraban abraiadas como Neira se esperguizaba e saúdaba con entusiasmo dende o balcón xusto antes de prender un Ducados.

Casou cedo cunha xove moza de Quireza chamada Helena, co que tivo dous fillos, Diego e Anxo, e un neto, Diego. O noso máis sentido pésame a todos eles, así como á súa nai María, ao seu irmán Miguel, sobriño Antonio, e a toda a súa familia e amigos.

Como aloitador amosábase valente, aloucado e soñador, sempre ía os poldros o primeiro e nunca abandonou unha loita cunha besta, se non tiña folgos xa non aparecía. ¡Corremos tantas veces detrás das bestas! ¡Tantas molladuras no monte! ¡Cantas bestas dun sitio para outro, manexando con destreza o LandRover! ¡Patrullando na madrugada a estrada de Cimadevila, para evitar que mataran as égoas de San Lourenzo!.

Foise un mestre da retranca galega, sabía rirse de todo é de si mesmo, fai uns días, indo a por bestas a Planzadoira ilustrábanos co seu humor surrealista e o seu sorriso tímido e honesto. Ninguén narraba historias con tanta paixón como él, e estas non eran poucas.

Gracias compañeiro por deixarnos compartir este tempo de vida o teu carón.¡Que a terra che sexa leve!.

Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo