O sorriso de Daniel Torres

Valentín García

A ESTRADA

09 may 2019 . Actualizado a las 18:31 h.

Sempre o recordaremos así, sorrindo, como o Daniel do Pórtico da Gloria de risa perpetua. O noso Daniel, o de Liñares, estivo sempre do lado dos que traballaron para sacar as cousas adiante, algunhas veces con máis ilusión ca medios, moitas delas facendo días de 48 horas e traballando arreo para sacar adiante empresa, familia, colectivos culturais, deportivos e tantas outras lerias de amigos cos que nunca deixou de ter un momento para conversar e divertirse.

Terá sempre un sitio na nosa memoria como un estradense de corpo enteiro que soubo entender os cambios do mundo e dos tempos. Deu vida cada día a iniciativas novas, dende a renovación dunha fábrica do sector lácteo ata innovacións e ideas que mostraba coa ilusión propia do que está sempre empezando.

Foi un neno grande, alegre e ilusionado, aínda cando as cousas viñan do revés. Todo un motor de explosión, sobre todo se presentía que os demais empezabamos a baixar os brazos. Con el compartimos apuros, logros e confidencias na directiva do Recreo Cultural, nas distintas comisións de festas, en tantas iniciativas polas que pasou, co aquel seu xeito de non preocuparse moito por nada, aínda cando os demais sabiamos que estaba pendente de todo.

Agora queda unha marabillosa familia encabezada por Chus Casagrande, titora daquela mocidade incorporada ao Concello da Estrada alá polos primeiros anos noventa. Estará acompañada por moita xente, pero moi especialmente por dous marabillosos fillos, Clara e Dani. Entre todos constituirán un gran núcleo humano de agarimo e fortaleza suficientes para seguir adiante. Os demais a partir de hoxe, cada vez que pasemos por Callobre, por Liñares ou polo Pórtico da Gloria e vexamos ao profeta Daniel ríndose, lembraremos un amigo presente en pasaxes claves nas nosas vidas. Un especialista en fabricar momentos máis auténticos, ledos e fermosos.