O ladrón de paraugas

Xosé Luna

A ESTRADA

06 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Palabra a palabra arriba á estrada da vida un libro realmente conmovedor, deses que tocan, aloumiñan, o epicentro do corazón. Un álbum ilustrado para ler e reler mil veces mil, na escola, na casa, baixo a chuvia, entre as raiolas do sol, só ou en familia.

Unha publicación necesaria, sensible, tenra, brillante. De que cor é o vento? Un relato que abre unha fiestra á esperanza que todos precisamos para re(existir). Que dá por boa a sentenza de que as cousiñas máis grandes nacen das pequenas cousas.

O texto de Xosé Lueiro constitúe todo un lindo sorriso poético que vai enchoupándonos paseniño de emocións, maxia e sentimentos de empatía cos pereiriños máis desfavorecidos. Un exemplar canto á igualdade, á diversidade, á liberdade.

As ilustracións, o universo creativo de Sara Valcárcel, conforman un estralampo de luz, cor e fantasía, unha auténtica fermosura. Sen dúbida, toda unha regalía para os sentidos.O Ladrón de paraugas (Galaxia, 2021) invítanos a vivir unha historia de amor que procura, nada máis e nada menos, construír un mundo mellor, máis solidario, máis humano; ou sexa, máis digno e máis xusto.