As festas gastronómicas, se non nacen, hai que inventalas. Para A Estrada tróuxoa o río Ulla. Sumouna a todas esas paisaxes e momentos de frescura que nos regala; a esas xornadas de intentos, de días de cestas cheas e doutros nos que o baleiro se enche coa camaradería entre pescadores; a esa banda sonora incesante que é tan nosa.
O salmón, que ten vocación de monarca, reclamou para si o trono estradense entre as festas que se crean en torno a unha mesa. E quen llo ía negar? A elevada poboación desta especie que coñeceron os nosos avós, que tinguía de prata as cantareiras augas do Ulla, fixo que dende hai 51 anos milleiros de súbditos pasen por estas terras para render tributo ao rei do río.
O salmón leva a coroa, pero foi o saber facer dos restauradores da Estrada o que lle deu sona. Fonte de proteína e rico en saudables ácidos graxos, a rosada carne deste peixe non agrada a todo o mundo por igual. Digamos, nun exercicio de sinceridade, que a materia prima da festa gastronómica por excelencia da Estrada non é a máis doada para conquistar sen esforzo calquera padal. Porén, a mestría en mimala, en preparala a modiño —que é como se fan as cousas boas e importantes— e en escoller a maridaxe idónea sentou cátedra nas cociñas estradenses. O río deunos o motivo e a fama, pero a lenda houbo que cociñala a fogo lento ao longo de todos estes anos.
Cando eu nacín a Festa do Salmón levaba xa 20 edicións. Medrei con ela plenamente consolidada e iso, claramente, aporta outra perspectiva desta celebración. Maio na Estrada é o mes do salmón, aínda que non corran hoxe bos tempos para o «monarca» nas augas do Ulla; aínda que xa custe velo saltar nos nosos cotos e que os pescadores lamenten, no peche de cada campaña, que non hai quen remonte a escaseza. Como o salmón, eles tamén viven contracorrente e botarán o ano agardando probar fortuna novamente o 1 de maio, desexando volver ao río por se, de súpeto, o prezado peixe quere volver tinguir as augas desa prata que escorrega entre as mans.
É certo. Na Estrada temos unha festa gastronómica cun ingrediente que non nos pon as cousas fáciles. Por suposto que é unha mágoa que este domingo non poidamos saborear na degustación popular ese salmón que chega ás sacadeiras dos pescadores do Ulla,
pero é que, cos cambios que trouxeron os anos, tivemos que aprender a entender que, moitas veces, unha festa gastronómica tamén nace co dereito perenne que lle concede a historia.
A Festa do Salmón da Estrada vén alumada pola riqueza histórica de salmón nas augas do Ulla. Iso xa non hai quen o cambie, por moito que as circunstancias mudaran. Porén temos que ser agora todos nós, dende os restauradores que preparan o noso prato estrela ata os que temos a responsabilidade de organizala, pasando por todos os que cada terceiro domingo de maio estades convocados nesta mesa, os que asumamos o desafío, non só de manter esta celebración gastronómica, senón de exaltala. De nós depende engrandecela, escribir en prata a súa lenda e render verdadeiro tributo ao salmón que a historia e o río nos regalaron a todos os estradenses para que puideramos construír con el todo un legado.
Velaquí o noso desafío: engrandecer e defender a Festa do Salmón, que abre neste 2025 unha nova etapa. Estamos ante o primeiro ano da súa segunda metade de século. Tócanos seguir medrando, toca seguir nadando e loitando como fai o salmón: a contracorrente.
E este ano, na edición 50+1 da festa, desexamos e coidamos saír vitoriosos como o salmón cando regresa ao río, superando todos os obstáculos que temos por diante e facendo bandeira desta festa a través da nosa cultura e da nosa cociña, para poñerlle ao rei da nosa gastronomía a coroa que merece.