Chega o 13 de decembro ... e que?

Asociación Queremos Parcelarias

AGOLADA

07 dic 2019 . Actualizado a las 21:38 h.

A Asociación Queremos Parcelarias lembrámoslle a Xunta de Galicia e a consellería de Medio Rural que o próximo venres 13 de Decembro caducan os estudos de impacto medioambiental que afecta aos 800 veciños das 8 parroquias que teñen os procesos de reestruturación parcelaria paralizados dende o 2010.

O pasado 21 de Novembro manifestámonos pacificamente diante da Consellería de Medio Rural. Ese mesmo día fomos recibidos polo Conselleiro e o DR. Xeral, nese encontro entregóusenos un comunicado de prensa dende o gabinete de prensa da Consellería, onde se nos informa de que a Xunta vai incorporar unha disposición a Metaga a través dunha enmenda a lei para garantir a vixencia e legalidade das DIA. Comprometéronse a enviarnos ao e-mail da asociación unha copia das actas de resolución.

17 días despois e cando quedan só 7 días para resolver a caducidade das DIA, na asociación seguimos sen ter resposta algunha.

Na Asociación consideramos un desprezo aos 800 veciños esta actitude e recordamos aos responsables da Consellería o seu compromiso diante dos 4 representantes que participaron na reunión e que posteriormente trasladaron a todos os afectados.

Nestes derradeiros días chegounos a contestación do Ministerio de Agricultura e Alimentación, que a través do seu secretario xeral móstranos todo o seu apoio e compromiso total para colaborar realizando a aportación que lle corresponde para finalizar os procesos de reestruturación. Din non comprender como un proceso iniciado fai 17 anos poida estar feito tan só o estudo de impacto medioambiental e as medicións das fincas e non son capaces de entender como se pode chegar a escasos día de perder, tanto o traballo feito durante 5 anos, como a inversión de 830.000€, sen aportar ningunha solución.

O ministerio pediulle a Xunta, como responsable executor dos procesos de reordenación, que reinicie a actividade nestas parroquias e invita a consellería a atender, por sobradamente xustas, as nosas reivindicacións amosando a súa total dispoñibilidade e comprometéndose a non ser nunca unha traba para solucionar o problema, senón todo o contrario.

Dende a asociación, nestes 4 anos que levamos pedindo o reinicio da reestruturación parcelaria amosamos sempre vontade de colaboración, dun traballo construtivo, e de ter un único obxectivo, conseguir o reinicio dos traballos para evitar así que unha zona especialmente de boa calidade do noso Concello quede abandonada porque cunhas parcelas de 1.200m2 de media non se pode facer nada, e evitar así converternos nunha selva onde só queden lobos, xabarís e grandes lumes de vez en cando.

Dende a Asociación esperamos que se produzan boas novas o antes posible, que cheguen a tempo de evitar a caducidade das DIA e que como se prometeron, a Consellería nos achegue información puntual para nós poder darlle aos 800 afectados.

Non é posible que sigamos de brazos cruzados mentres o noso Rural se vai convertendo cada vez máis nun Rural baleiro. Dende a Asociación non vamos estar quedos, pero deixando claro que o noso obxectivo en ningún caso é buscar a confrontación con ninguén, colaboración si, con todos.

Todos os organismos aos que acudimos dannos a razón, apoian as nosas demandas, din que non hai procesos de reestruturación parcelaria que aporten proxectos e argumentos como os que nós achegamos e que non entenden o porqué da situación.

Quedan 6 días.