«O peche da restauración aféctanos, pero imos mantendo a distribución»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

Miguel Souto

De Agolada saen 5.000 pezas mensuais con destino a todo o país, Baleares e Alemaña

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto nado no ano 2015, no seo da Cooperativa Cobideza (Cercio, Lalín) para transformar o leite producido nas explotacións de asociados en queixo vai medrando. A boa materia prima, as feiras alimentarias e os premios acadados danlle pulo aos produtos que saen das instalacións da queixería Dona Cobiña, con sede en Agolada. Un crecemento que foi apalpando dende o primeiro momento Amelia Colmenero González, responsable de administración da queixería.

-A primeira ubicación da queixería fora en Silleda.

-Si o proxecto comezou a desarrollarse no recinto feiral de Silleda no 2015, pero ao ano seguinte mercáronse estas instalacións nas que seguimos en Agolada. É unha nave industrial máis ampla, de 500 metros cadrados, na que podemos elaborar todos os produtos con comodidade.

-Canto persoal traballa na actualidade na queixería?

-Pois están dous mestres queixeiros, dous axudantes, contamos con dúas persoas que se ocupan do reparto, temos con nós un comercial e máis eu, que levo a parte administrativa.

-Que volume manteñen de fabricación?

-Fabricamos uns 48.000 litros ao mes de queixo. Iso son, para que nos entendan mellor, unhas 5.000 pezas mensuais as que saen da queixería.

-A situación de alarma inflúe directamente na distribución?

-A nós o peche da restauración aféctanos bastante xa que tiñamos aí un importante nicho de venda pero imos mantendo a distribución do noso produto, polo menos de momento.

-A onde chegan os queixos de Dona Cobiña?

-Pois mira na actualidade poden atoparse en distintos puntos da comunidade galega, pero rexistramos tamén unha demanda importante procedente de Andorra, Baleares e Alemaña.

-Que tipo de queixo demandan os veciños alemáns?

-O noso queixo ecolóxico. Salientar que sacamos ao mercado distintas variedades. Por unha parte temos o noso Arzúa-Ulloa redondo de 800 e 500 gramos, e fabricamos tamén o que pesa tres quilos que está pensado maioritariamente para o sector da restauración. Logo contamos coa barra país que ven pesando quilo e medio e a barra para a restauración que chega aos 2, 5 quilos. O cliente pode optar tamén polo noso queixo elaborado con leite crú, sen pasterización, e tamén facemos a tetilla. Por outra parte está a liña ecolóxica da empresa, que é a que buscan precisamente os alemáns. Aí é onde figura a tetilla ecolóxica que conta cunha particularidade e é a posibilidade de poder mercala por metades. De fábrica sae enteira pero posteriormente poden vendela cortada nas tendas e o consumidor pode así mercala por metades. Moita xente ven apostando por ela e está tendo actualmente moito éxito. Tamén temos requeixo.

-A que atende dito éxito?

-A peza enteira pesa uns 750 gramos e a maioría prefire mercar a metade xa que lle permite acabar a peza antes, pero tamén creo que pode ser por unha cuestión de prezo. Xa se sabe que os produtos ecolóxicos xeneralmente son un chisco máis caros pola súa máxima calidade.

-Comentaba que os alemáns buscan o ecolóxico pero, de que cantidades falamos?

-Pois concretamente o próximo luns saen 210 quilos para alá, o que veñen sendo 265 pezas de queixo ecolóxico. O habitual é enviar cada quince días produto para Alemaña. Nós contamos cun distribuidor en Barcelona que é o encargado de supervisar todos os envíos para alá e a súa correcta recepción e distribución.

Asociación de gandeiros. Antes de ser Cobideza Sociedad Cooperativa, no ano 1994, funcionou como unha agrupación de gandeiros dende finais dos anos 80.

Socios. Conta con 300 socios e 230 gandeirías de leite da Ulloa, Deza, Tabeirós e Terra de Montes.