Marisol Soengas: «Os premios son importantes, pero este é o máis especial»

c. m. / r. g. LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

Suso Rivas

A investigadora agolense será nomeada hoxe Filla Predilecta

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Agolada acolle este sábado o acto de nomeamento de Marisol Soengas González como Filla Predilecta do municipio. A bióloga dezana e unha das investigadoras máis recoñecidas no ámbito do cancro de pel, pola súa influencia na medicina de investigación.

O acto comezará ás 12.30 horas cunha recepción no salón de plenos do concello acompañada da música de Bico da Balouta, asociación organizadora do evento, ao que seguirá un xantar de homenaxe ás 14.30 horas —acudirán oitenta veciños da zona, entre eles os pais da premiada— nos comedores dos Pendellos e rematará co acto de entrega do nomeamento onde intervirán nove asociacións e colectivos, entre eles Baluarte, Bico de Baloute e o alcalde, para deixar paso á intervención da premiada e concluír coa música e baile a cargo da Banda Municipal de Agolada, a Coral Polifónica e o Bico da Balouta, cun despedimento coreando o himno galego.

Este recoñecemento non sorprende ao falar da bióloga, quen afirma que estivo sempre fascinada coa investigación. «Dende pequena eu sabía que quería descubrir, dende que me regalaron o quimicefa, e decidín meterme en bioloxía», explica. Unha paixón que marcou a súa carreira. «Empecei a estudar o cancro con Margarita Salas por casualidade e na busca dun reto. O melanoma resultou ser resistente á maioría de tratamentos polo que decidín indagar máis alá», sinala.

A científica conta cunha gran traxectoria, iniciando o seu periplo dende unha pequena aldea de Agolada ata chegar a Nova York. «Naquel momento había que demostrar a túa valía, eu sempre tiven un historial académico moi bo pero en Estados Unidos aprendes a pensar ao grande e ter que demostrar a túa valía por riba do traballo académico, buscando crear algo novo» aínda que recoñece que «sempre é marabilloso volver».

Ao preguntarlle sobre o seu papel como muller na ciencia comenta que nunca dubidou que puidera ser xefa pola súa formación con Margarita Salas como referente, porén sinala que «a pesar diso si que existe un paternalismo moi acusado, incluso me preguntan quen é o xefe».

A investigadora forma parte da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) na que lanzaron o evento Conócelas, que pon en contacto a mulleres influíntes na ciencia con alumnos/as interesados no mundo científico, co obxectivo de darlles visibilidade e referentes de mulleres científicas ao alumnado.

A pesar da cantidade de premios no seu palmarés, a investigadora confesa a emoción polo recoñecemento de este sábado «Moitos premios son importantes pero este é moi especial. Co cariño da organización e a asistencia de xente ben querida a un lugar tan emblemático como os Pendellos, estou moi emocionada e alégrome de volver».