Todo chega e todo pasa

Manuel Blanco

LALÍN

Manuel Blanco xubilouse tras 41 anos no Banco Pastor

14 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasaron preto de 41 anos desde aquel 1 de marzo de 1976, un día tan importante para min, no que comecei a traballar no Banco Pastor, e despois de toda unha vida de intensa adicación, compromiso e esforzo, pero tamén de ledicia e ilusión, ocupando cargos de responsabilidade (apoderado, interventor e director) durante 37 anos, case sen darme conta, por fin, chegou o momento da despedida. Quero expresar o meu agradecemento ó Banco Pastor por confiar en min, dándome traballo e postos de confianza sendo tan xove, cando o necesitaba de verdade, e tamén por manterme ó longo de todo este tempo preto do meu fogar, o que me permitiu a conciliación da miña vida laboral e familiar.

Agradézolle a todos os meus compañeiros, sen excepción algunha, a paciencia, o apoio, o cariño e o respecto que me profesaron. Para min foi unha honra formar parte da excepcional plantilla do Banco Pastor, composta por tan grandes profesionais. Sempre os levarei a todos no meu corazón. Foron eles, xunto coa nosa selecta clientela, a única Universidade á que as circunstancias me permitiron asistir: A Universidade da vida, o humilde aprendizaxe da rúa.

A miña total consideración e recoñecemento para todos os clientes que tiven a fortuna de coñecer e tratar, pola súa fidelidade, non perdendo xamais a cordialidade conmigo, aínda nas circunstancias máis difíciles, adversas e mesmo tristes para todos, que o destino nos obrigou a compartir e resolver xuntos: 36 anos en Lalín, a miña terra natal, onde vivín sempre e na que teño pensado morrer, na que me sentín moi querido, e 4 en Silleda, onde fun recibido como se da miña segunda casa se tratara.

Foi un inmenso pracer tratar con todos eles. ¡Queridos amigos de Deza e Trasdeza: gracias a todos por tantas veces que me regalastes a vosa grandeza humana!. Pero como isto non é un adeus, senón un ata pronto, a partires de hoxe podedes seguir contando conmigo, como sempre, o igual que eu contei con vos en todo momento. Estou e estarei sempre a vosa enteira disposición na Casa do Patrón, a miña casa, a vosa casa, que para todos vos terá abertas as súas portas de xeito permanente e indefinido, todos os días do ano, sen importar a hora e baixo calquera circunstancia.