Chega +QTour 17, unha gran gala musical e coreográfica con tintes de Hollywood

Amelia Ferreiroa

LALÍN

. miguel souto

O evento, que está organizado pola Asociación Máisquedanza, será mañán no Salón Teatro de Lalín

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Disfrutar dunha morea de coreografías, froito do esforzo e de moitas horas de ensaios, é o que lle propón ao público o colectivo Máisquedanza no seu +QTour 17 que arrancará ás 21 horas, dentro da programación cultural Ao carón do Cocido do Concello de Lalín.

Un festival que se prantexa, segundo a coreógrafa Marta Maceira, como algo totalmente novidoso. «É unha mostra das coreografías preparadas no curso pero tamén enfocada a facerlle homenaxe a artistas da talla de Michael Jackson, Cristina Aguilera, Beyoncé... Pretendemos que a xente se traslade a unha gran gala de Hollywood». Un espectáculo para o que os distintos grupos da escola prepararon coreografías con cancións de artistas de fama internacional que lograron misturar en únicos temas duns catro minutos de duración cada un, e que interpretarán mañán na que será a gran presentación deste +QTour 17. A entrada para acceder ao Salón Teatro de Lalín para presenciar esta gala custará 1 euro «que lle permitirá ao público poder participar nun gran sorteo de premios estupendos que foron doados polo comercio local». Evento que serve para facer un repaso ao traballo realizado na escola ao longo do curso académico 2016/2017 e no que está previsto tamén contar coa participación do grupo dos máis pequenos de Máisquedanza, que actuaron recentemente no Star Dance celebrado en Lalín.

Un estreo mañán do +QTour 17 ao que lle seguirán dúas actuacións máis: en Bandeira o 14 de maio e o 28 en Silleda, por seren localidades nas que Máisquedanza imparte tamén clases. Posteriormente, e no amplo calendario de actuacións no verán figura un ano máis Dancerveira. «É sen dúbida un festival para disfrutar ao que iremos e que serve para pechar o ano», matiza Maceira. Un encontro de danza fixado para os días 29 e 30 de xuño e 1 e 2 de xullo.